Luis Piedrahita (A Coruña, 1977) subirase esta tarde, a partir das oito, ás táboas do Pazo da Cultura de Narón para deleitar ao público cunha das súas últimas creacións no eido do teatro, un dos diversos terreos cultivados por este ilusionista, humorista, escritor e director de cine.
Moi coñecido polas súas aparicións en televisión –El Homiguero, El Club de la Comedia, Nada por aquí...– e radio –colabora co programa radiofónico líder das tardes en España, La Ventana, de Cadena Ser–, o autor chega ao municipio naronés da man da compañía Etiqueta Negra cun dos seus últimos espectáculos teatrais, “Las amígdalas de mis amígdalas con mis amígdalas”.
De case hora e media de duración, o monólogo incidirá entre o público na idea de que só se vive unha vez.
O humorista amosará un mundo cheo de miserias, que existen pero que non deben facer sufrir, senón todo o contrario. As risas están aseguradas nun espectáculo que reflexionará sobre unha serie de temas da vida cotiá nun show que está a recibir o respaldo do público.
As entradas poden adquirirse na billeteira do Pazo da Cultura e tamén a través da páxina web www.padroadodecultura.es. O prezo das mesmas é de 21 euros no patio de butacas e 15 nos anfiteatros.