O pasado domingo o Padroado de Cultura de Narón abría o programa de actuacións do ano no Pazo da Cultura co ballet “El Cascanueces”. Durante este mesmo mes destaca a proposta que o próximo día 23, venres, a popular actriz Charo López levará a cabo no escenario naronés enfrontándose cun monólogo a un clásico das letras españolas como é “La Celestina”. Baixo o título de “Ojos de auga” reúnense os máis inesquecibles pasaxes da obra inmortal de Fernando de Rojas. Un soliloquio sobre o tempo gozado e perdido, o sexo como pracer e arma, a beleza como agasallo e condena, a alegría de vivir a pesar de todo. A peza, con dirección de Yayo Cáceres e adaptación de Álvaro Tato, estreouse hai apenas un mes en El Escorial. Desde a compañía adiantan que “Celestina, na voz e o corpo de Charo López, leva nos seus ollos o prezo da beleza perdida, a independencia cos dentes, a intelixencia oculta. Representa o poder feminino na sombra, e tamén a vítima da súa propia astucia. É a bruxa que cuestiona as nosas convencións, a vella que nos rexuvenece, a mestra que aprende dos nosos erros”.
Agochada nun mosteiro tras os acontecementos relatados por Fernando de Rojas na súa obra, Celestina, mítica feiticeira, alcahueta, tecedora de burlas e enganos, rompe o seu voto de silencio ante as monxas de clausura para lembrar os amores de Calisto e Melibea, os asuntos dos criados Sempronio e Pármeno, o desexo e a rebeldía de Elicia e Areúsa, o pranto de Pleberio e, sobre todo, a súa propia liberdade gañada con suor. Ao longo dun día repartido en tres estancias –na horta, a cociña e o tear dese espazo metafórico–, Celestina vai ganduxando todo o humor, a alegría, o desexo, a morte e a humanidade que respira o clásico orixinal. Gargalladas, complicidade, poesía, e o testemuño divertido, cru e quente dunha vida que se fai a si mesma a pesar das convencións sociais, prexuízos masculinos e censuras relixiosas.
Creada a partir de diversos fragmentos da Celestina, “Ojos de agua” desenvolve os grandes temas da obra orixinal que enlazan directamente co noso tempo, e explora a un personaxe tan fascinante como contraditorio, en busca dos seus segredos. As entradas para o espectáculo poden conseguirse a un prezo de 12 euros e 8,40 para aqueles espectadores con desconto.
humor e música
O resto da programación do Pazo da Cultura neste mes oscila entre a comedia e o musical. Así, o próximo día 17 preséntase o espectáculo de humor “Noites de retranca”. Nel o dúo Mofa e Befa estarán acompañados por Rober Bodegas e Manuel Manquiña nunha mostra de monólogos galaicos. Finalmente, o sábado 24 de xaneiro chega ao Pazo o musical infantil “El mago de Oz”. Este espectáculo que xa foi visto en toda España, narra a aventura de Dorothy, o espantallo, o home de folla de lata e o león na procura do mítico mago de Oz. O prezo das entradas é de 15 euros para adultos e 12 para os espectadores menores.