Da contemplación á acción só hai unha determinación de por medio. Decisións como a que o pasado mes de maio levou ao veciño de Valdoviño e edil do BNG, Alberto Ameneiros, ao campamento de refuxiados de Idomeni (Grecia) a aportar o seu gran de area para dignificar a vida das preto de 14.000 persoas que o habitaban antes do seu desaloxo a pasada semana.
Que lle levou a facer esta viaxe?
A situación na que se atopan estas persoas. Tras máis de cinco anos de guerra, sometidos a brutalidades de todo tipo, ver como tratan de fuxir dese inferno, e a resposta que se lles dá por parte da UE é deixalos esquecidos na fronteira coa República de Macedonia, sen máis axuda que a que lles poden dar as ONGs e os voluntarios independentes internacionais foi o que me animou a axudar no que fixera falta.
Foi de forma independente ou vinculado a algunha ONG?
Eu fun como voluntario independente, unha vez alí hai numerosas ongs pequenas que necesitan axuda para realizar o seu traballo.
Que se atopou ao chegar?
Un campamento de entre oito mil e dez mil persoas, entre os que se atopaban varios milleiros de nenos e nenas moi pequenos. Antes de chegar non podía imaxinar tal cantidade. Os refuxiados daquela xa estaban nunha situación de desesperanza pola situación na que estaban, vivindo sen cartos, en tendas de campaña, nunhas condicións de vida moi duras, sen saber cal ía ser o seu futuro coa ameaza continua de ser desaloxados e o risco de ser deportados a Turquía. Este nerviosismo foi aumentando día a día ao mesmo ritmo que aumentaba a presencia policial, que dificultaba a actuación dos voluntarios, supoño que para que a situación no campo fose insostible e fose máis doado facer o que de feito sucedeu dous ou tres días despois da miña partida, que foi o despexe do campo. Durante a miña estancia no campo atopeime con varias familias que decidiran, diante da situación na que se atopaban, regresar a Siria e ‘se tiñan que morrer, polo menos remataría o sufrimento’ e falo de familias enteiras con tres ou catro nenos cada unha.
En que consistiu o seu labor alí?
Ás oito da mañá cargabamos furgonetas con plátanos e pan nunha localidade cercana a Idomeni que se chama Polykastro, e por outra parte enchíamos os nosos coches con todo tipo de axuda que podían necesitar, dende roupa, leite para nenos, potitos, calzado... e dirixíamonos a Idomeni. Unha vez alí, despois de que a policía grega nos parara, nos pedira a documentación e nos tivese parados na estrada o tempo que consideraran ou que lles dera a gana, empezamos a repartir os plátanos ás familias con bebés, mulleres embarazadas e persoas maiores enfermas. Á vez que repartiamos unha bolsa de pan de pita por familia, preguntabamos polas necesidades que tiñan, aínda que non facía falta, era evidente, e apuntábamos todo para traelo ao día seguinte. Unha vez rematado o reparto de plátanos e pan, que podía ser sobre as doce, a unha ou as dúas dependendo do día, xogabamos un pouco cos nenos, poñíamoslles música para que bailasen etc.. Logo diso repartiamos a axuda que nos pediran o día anterior, calzado roupa comida para bebés, o que podiamos. Sobre as seis da tarde de volta a Polykastro a un almacén onde chega toda a axuda que se envía para Idomeni e buscamos o que nos pedían. E ao día seguinte volta a empezar.
De non ter realizado antes unha viaxe destas características supoño que a experiencia marcaría un antes e un despois...
Evidentemente non é o mesmo ver algo por exemplo pola televisión que vivilo alí, e máis cando no día a día vas coñecendo a persoas coma ti, coa súas historias persoais e que pola guerra o perderon todo e por riba son tratados deste xeito, e cando digo persoas coma ti quero dicir que podería ser eu o que estivese na súa situación mañá.
Que perspectiva trae do conflito?
A perspectiva que tanto a UE como os Estados membros son insensíbeis aos problemas das persoas, e que o único que lles preocupa é a economía, as persoas non contamos, só o capital. Se mañá nos pasara isto a nós xa sabemos o que nos espera.
Que se pode facer desde aquí pola situación?
Aparte do xa demostrado, como é a solidariedade do pobo galego, coas súas achegas de comida, roupa e todo tipo axuda, penso que debería de reclamarse intransixentemente aos gobernos que o primeiro sexan as persoas.
Volverá?
Supoño que sí. Animo a outros a vivir a experiencia. Creo que merece moito a pena.