Oito contratos de traballo no que vai de curso dos PCPI

Oito contratos de traballo no que vai de curso dos PCPI
Diario de Ferrol-2014-04-06-011-31ca1822

Desde hai máis dunha década, os Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) que se desenvolven na comarca de Ferrolterra fanno baixo unha modalidade de colaboración entre institucións públicas (Xunta e Concellos), centros educativos e empresas que está a acadar bos resultados de inserción laboral. Como media, o 30% do alumnado que desde 2001 participou nestes plans acadou un posto de traballo ao rematar a formación no oficio elixido.
A esta mesma porcentaxe se pretende chegar no curso actual, no que se matricularon 135 persoas e no que, ata o momento, xa se formalizaron oito contratos de traballo, tal e como se puxo de manifesto desde a propio comisión técnica dos plans.
Estas persoas que veñen de conseguir a súa incorporación ao mercado laboral forman parte dos 61 alumnos maiores de 21 anos que o pasado 28 de marzo remataban a súa fase de prácticas non laborais nas distintas empresas que colaboran con estes programas.
Pola súa banda, os mozos de idades comprendidas entre os 16 e 21 anos tamén matriculados nestas accións formativas, continúan coa realización das prácticas non laborais. Neste caso, trátase de rapaces matriculados nos institutos da comarca integrados  nos PCPI, como son os IES Canido, Ferrol Vello, Catabois, Fene, Fernando Esquío de Neda, CPI O Feal de Narón, CPI Conde de Fenosa de Ares e o IES Urbano Lugrís da cidade da Coruña. Nestes casos, este primeiro curso dos PCPI daralles a posibilidade de acceder a un segundo curso de programa e obter o graduado de ESO e, ao mesmo tempo, conseguir unha cualificación profesional de nivel 1 do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

perfís profesionais
O alumnado dos PCPI distribúese entre os diferentes perfís profesionais ofertados, cada un dos cales se desenvolve nun dos centros mencionados anteriormente e nas entidades empresariais colaboradoras. Así, na lista de oficios deste ano figuran o de Comercio, nas modalidades de reposición, alimentación e almacén; Servizos de Restauración; Carpintaría; Pastelería e Panadaría; Limpeza de inmobles; e Xestión deportiva, que se imparte por primeira vez no curso actual.

agradecemento
No ecuador do curso, a Comisión Técnica dos programas da comarca de Ferrolterra quixo aproveitar para expresar de xeito público o seu agradecemento ás 59 empresas –cun total de 101 centros de traballo– coas que se formalizaron convenios formativos para o desenvolvemento dos programas, “polo seu compromiso desinteresado para acoller e formar alumnos cara a súa inserción no mercado laboral”, comentan desde a organización.
Aínda que o principal propósito destas accións é facilitar a inserción laboral, o paso polas mesmas permite a moitos mozos que non tiñan o graduado en ESO reincorporarse aos estudos, tal e como en moitas ocasións se salientou. Desde a súa posta en marcha en 2001, aos centros ferroláns –os primeiros en desenvolver esta modalidade–, fóronse sumando outros da comarca, que tamén viron nesta opción unha boa ferramenta para promover a incorporación dos rapaces ao mercado de traballo.
Agora, e coa implantación da nova Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce), coñecida popularmente como “Lei Wert”, os PCPI desaparecerán na súa estrutura actual ao ser substituidos pola nova Formación Profesional Básica. n

Oito contratos de traballo no que vai de curso dos PCPI

Te puede interesar