A Irmandade compostelá (VI)

O poeta Victorino Taibo, fundador da Irmandade de Santiago, e Porteiro Garea nunha imaxe de 1915
|

O 28 de maio de 1916, no salón do Círculo Católico de Obreiros, sito na Rúa do Vilar compostelá, tivo lugar o acto fundacional da Hirmandá da Fala de Santiago. Presidiu o acto o doutor Luís Porteiro Garea que, ademais, pronunciou un máis que interesante discurso recollido no folleto “Discurso do Dr. Porteiro ô fundarse a Hirmandá en Santiago”, impreso pola propia Irmandade na compostelá Tipografía Galaica. Na Real Academia Galega consérvase o exemplar adicado “Ô gran Villar Ponte, devotamente / Porteiro (rubricado)”.
Iniciou o seu discurso precisando que, por merecementos, non sería el o chamado a presidir esa primeira xunta. A culpa era de Villar Ponte que o nomeara para iso nos xornais e algúns entenderon que así debería ser e o foran chamar. Obviamente, quitábase méritos –ben sabedes que non o digo por homildade, apuntaba–, xa que en realidade era unha figura relevante da Compostela do momento. Tiña vinte e seis anos, licenciara en Dereito na súa Universidade e regresara a ela como profesor, após doutorarse en Madrid, con premio extrordinario, coa tese El sistema parlamentario en España y sus relaciones con el caciquismo. En marzo de de 1915 tomara posesión como auxiliar de Dereito Civil e, en setembro, inaugurara o curso no Paraninfo coa lección “A transformación do direito civil pola gran guerra”. Era a primeira vez que o galego tivera entrada nun solemne acto académico. Por riba, era concelleiro agrario.
No primeiro dos doce puntos, epigrafado “Falar y escribir en galego, coma seipamos” –cousa lóxica dado o nome da nova asociación–, pasou a falar do idioma, facendo saber que escribía en galego e que escribía mal, porque ata ese día nunca o escribira, porque nin llo ensinaran nin se preocupara de aprendelo. E resaltaba que a “Hirmandade dos Amigos da Fala” encamiñábase a redimir o idioma da aldraxe que del facían non os alleos senón os propios, “quizais nosoutros mesmos”, os propios fundadores.
Logo falou de autonomía, de librecambismo, da necesidade dun dereito civil galego, da administración de xustiza en galego, da música..., aspectos todos que acabarían callando en documentos posteriores do nacionalismo irmandiño, e finalizou con dous puntos dedicados á literatura. O XI referido a “A crisis da nosa poesía” e o XII dedicado a “Ramón Cabanillas”, onde se refire á necesidade de contar con voces que tiren dos demais: “Dase o caso n-os momentos máis tristes e máis propios pro resurdimento de que aparece un home superior; [...] Nós temos tamén o noso home. Non é un sabio, é un poeta, un enorme poeta tan grande coma Curros, e ca ventaxa de qu’os seus versos, toman as formas que usan os grandes vates do mundo latino [...] Cabanillas é o cardíaco que ven á remover (supricando, mallando escarnecendo) a nosa apatía, a espertarnos do sono mortal. Hémolo poñer por cabeza d’este movemento, que si percisa moito estudio e moito sacrificio, ten as suas raíces n-o corazón -onde nacen os versos foretes, e altivos, y-os piano y-amorosos de Cabanillas que todos manan da mesma fonte-.” En boa lóxica, tiña que acabar a súa importante intervención solicitando o recoñecemento para aquelas persoas que entendía fixeran posible o que se botaba a camiñar e que, tamén sen dúbida, farían máis levadeiro o longo camiño: “pra ese poeta, qu’é o noso guía, e pra Villar Ponte (o promovedor que lle sigue neste movimento) así como pro gran Aurelio Ribalta, e pra Rodrigo Sanz (os nosos mestres y-os nosos Quixotes) acabo pedíndovos devoción y-aprauso”. A devoción e o aplauso devolveulla o poeta de Cambados, como non, en forma do magnífico poema “”En pé!”, que aparecería nas páxinas do número 17 d’A Nosa Terra, de 30 de abril de1917. Malia que se fixo bastante popular cando o musicou Juan Pardo, considero que debe figurar nesta páxina. Di así:
considero que debe figurar nesta páxina. Di así:
Irmáns! En pé, sereos, / a limpa frente erguida, / envoltos na brancura / da luz que cai de riba, / o corazón aberto a toda verba amiga, / e nunha man a fouce / e noutra man a oliva, / arredor da bandeira azul e branca, / arredor da bandeira da Galicia, / cantémo-lo dereito a libre nova vida! // Validos de treidores / a noite de Frouseira / a patria escravizaron / uns reises de Castela. / Comestas polo tempo, / xa afloxan as cadeas... / Irmáns asoballados / de xentes extranxeiras, / ergámo-la bandeira azul e branca! / E ó pé da enseña da nazón galega / cantémo-lo dereito / a libertar a Terra! // Irmáns no amor á Suevia / de lexendaria historia, / en pé! en pé, dispostos / a non morrer sin loita! / O día do Medulio / con sangre quente e roxa / mercámo-lo dereito / a libre, honrada chouza! / Xa está ó vento a bandeira azul e branca! / A oliva nunha man, a fouce noutra, / berremos alto e forte!: / “A nosa terra é nosa!”
Moi pronto acadou unha cátedra na Universidade de Santiago de Compostela, onde pronunciou a primeira conferencia en galego que se daba nesta institución: “A transformación do dereito civil pola grande guerra”. Como figura destacada do galeguismo foi elixido concelleiro agrarista e nomeado presidente da Irmandade da Fala de Santiago de Compostela.
Porteiro, Xesús Culebras, Cimadevila, Victoriano Taibo e Portal.

A Irmandade compostelá (VI)