O programa de acondicionamento dos espazos públicos que leva adiante a concellería de Servizos rematou o ano cun repaso en profundidade do parque Raíña Sofía. Nunha primeira fase elimináronse as pintadas que existían en distintos puntos deste recinto, como o chan da entrada ou os muros. Para iso empregouse unha máquina hidrolimpadora propiedade do Concello que está indicada para superficies como cristal ou pedra.
Os cidadáns poden solicitar tamén que se limpen pintadas en espazos particulares. Para iso teñen que dirixirse ó Rexistro Municipal. O traballo farao a empresa Urbaser e ten un custe en torno ós 50 euros á hora, en función da superficie e das pintadas que se teñan que limpar.
praza e sendeiros
Unha segunda fase da limpeza realizouse na praza central e nos sendeiros e muros. Nesta tarefa empregáronse dous camións e unha máquina barredora.
Estas intervencións responden a unha programación desde a concellería que dirixe Bruno Díaz e que terá continuidade noutros puntos da urbe “co obxectivo de mellorar a cidade tanto para os seus cidadáns como para os visitantes”, apuntan desde a institución local. Con anterioridade xa se limparan pintadas coa máquina especial en lugares como Porta Nova.
O parque Raíña Sofía agarda ademais pola recuperación de Aquaciencia, un espazo educativo cuxos enxeños presentan un gran deterioro. Desde Servizos anunciárase o seu acondicionamento para o mes de novembro pero aínda está pendente. As obras teñen un importe duns 50.000 euros e están encargadas a Sergonsa. Están incluídas dentro dunha inversión da Deputación que abrangue tamén o pavillón da Malata. Neste caso son 200.000 euros. Estaba previsto que a infraestrutura pechase en xaneiro.