A biblioteca de Pontedeume volveu medrar en socios e usuarios en 2012

visita de escolares á biblioteca nunha das campañas de animación á lectura d.a.
|

A biblioteca de Pontedeume segue a rexistrar unhas cifras de afiliación rechamantes para unha localidade que, segundo o último padrón, ten 8.324 habitantes. Os datos de 2012 indican que se deron de alta 176 socios novos, unha cifra algo inferior á de 2011 pero, aínda así, estimable, xa que nos últimos anos nunca baixou de 150 o número de persoas que se incorporaban a este centro cultural. Ademais, segue tamén a medrar o número de individuos que utilizan as instalacións e o servizo de préstamos e devolucións (pasou de 14.601 a 15.821) e os que se suman ás actividades propostas desde o edificio da Cátedra de Latinidade (1.588 en 2011 e 1.672 en 2012).

O bibliotecario, Alexandre Caínzos, non é quen de explicar a razón de que se sigan inscribindo novos socios pero, a falta dunha análise sociolóxica máis profunda, explica que nunha importante medida débese á incorporación dos nenos. Neste sentido son moi importantes as campañas de animación á lectura que se desenvolven tódolos anos desde hai máis de vinte. Os escolares de tódolos colexios da localidade (unitarias incluídas), entre os catro e os dez anos, participan nesta proposta. Fan unha visita á biblioteca e alí cóntanlles un conto con apoio audiovisual, coñecen ó persoal que atende o centro (Alexandre Caínzos e Loli Fraga) e aprenden tamén o seu funcionamento. “O venres 11 comezamos a campaña con alumnos do Couceiro Freijomil. A metade deles xa tiñan o carné. Pero ó luns seguinte tiña tres nenos na biblioteca para facerse socios. Non falla. Resulta moi curioso ver como os nenos de catro anos veñen arrastrando ós pais á biblioteca.”

Ademais, desde este senlleiro edificio do centro da vila aténdese tamén á poboación de concellos limítrofes que non teñen este servizo, o que contribúe a este incremento constante.

 

actividades

Outro capítulo importante para a biblioteca é o seu labor como centro cultural. Ó longo do ano levan adiante exposicións, ciclos de cine, excursións culturais, presentacións de libros e tamén actividades polo Día do Libro e o Día das Letras Galegas. O número de asistentes pode variar en función tamén da cantidade de propostas que se fagan. En 2012 participaron un total de 1.672 persoas, fronte ás 1.588 que o fixeran no ano anterior.

Estes datos, unidos coa xente que emprega os ordenadores para consultar internet (tamén hai wifi, aínda que nos últimos meses estivo avariada) e as cifras de usuarios das salas de lectura e consulta e do préstamo de libros, fan un total de 18.187 persoas vencelladas á biblioteca durante todo o ano pasado, fronte ás 17.423 de 2011.

A biblioteca de Pontedeume volveu medrar en socios e usuarios en 2012