Fondos europeos para a “cidade compacta”

Fondos europeos para a “cidade compacta”

Ferrol e Narón presentaron de forma conxunta esta semana o proxecto para optar a 15 millóns de euros de fondos europeos a través da estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (DUSI), unha actualización do Urban que busca un progreso territorial e económico equilibrado e inclusivo que mellore a calidade de vida dos cidadáns. Trátase dun plan cun de-senvolvemento temporal ata o 2020 (a execución das actuacións pode chegar ata o 2022) que inclúe accións no eido económico, medioambiental, climático, social e demográfico. 
Galicia dispón de 83,14 millóns de euros que se repartirán en proxectos presentados por cidades e vilas de máis de 20.000 habitantes. No caso dos concellos con máis de 50.000 a axuda máxima que achega a Unión Europea pode ser de 15 millóns de euros, un 80% do total de proxectos que sumarían 18,7 millóns.
A eses 15 millóns de euros son ós que aspiran Ferrol e Narón, que contan con que a proposta conxunta os axude a obter os fondos –a decisión tómase en maio–. Conforman as zonas urbanas de ambos municipios un continuo que, aínda que cada un coa súa idiosincrasia e autonomía, como defendía esta semana o alcalde ferrolán, Jorge Suárez, teñen por diante un “traballo conxunto en transporte, mobilidade, medio ambiente e servizos compartidos”.
 Ferrol empregará eses posibles fondos (dos que lle corresponderían o 75% fronte ó 25% de Narón) en avanzar na “cidade compacta”, un termo adoito empregado polos responsables municipais e que urbanísticamente refírese a unha estructura cohesionada socialmente, con espazos de sociabilidade, bos servizos e que propicia a vida en comunidade. 
Entre as prioridades das actuacións municipais está a recuperación de Ferrol Vello. “Os fondos Feder dannos unha oportunidade para poder rehabilitar moitas vivendas, incluso adquirilas directamente e destinalas a aluguer social”, apuntaba Suárez. Quérese “recuperar á mocidade no centro da cidade e frear a expansión urbanística, que xa non ten sentido”.
A inclusión social é un dos obxectivos específicos nos que se centra a proposta e aí o rexedor inclúe a barrios comos os de Recimil, Santa Mariña ou San Pablo. Neles, ademais da intervención nas casas para mellorar a súa eficiencia enerxética, elaboraranse “plans para a integración e inclusión de colectivos”, xa que Suárez recoñece que existen “situacións de convivencia complicada” e que “a Policía Local ten dificultades para ter unha política de proximidade”.
Os obxectivos da estratexia para a área metropolitana de Ferrol e Narón inclúe a mellora do uso e a calidade das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (coa modernización da administración e os servizos públicos) e tamén defenden a transición a unha economía baixa en carbono. Aquí inclúense melloras enerxéticas en edificios, fomento das renovables, iluminación exterior de baixo consumo ou o deseño dun plan de mobilidade sustentable que fomente o transporte público, a peonalización ou o uso da bicicleta. A rehabilitación de espazos de titularidade pública e a defensa do patrimonio histórico forman parte das accións destinadas a preservar e protexer o medio natural e promover a eficiencia dos recursos, mentres que dentro do apartado para mellorar a inclusión social e loitar contra a pobreza inclúense a rehabilitación do tecido produtivo e comercial,  a habilitación de espazos abandonados para iniciativas comunitarias ou a compra e rehabilitación integral de vivenda. Os cidadáns poden participar a través da web riadeferrol.cidade2020.gal.

Fondos europeos para a “cidade compacta”

Te puede interesar