“Somos a única alternativa pensada desde Galicia”

“Somos a única alternativa pensada desde Galicia”
Iván Rivas BNG

O BNG ten dous edís na actual corporación, cuxo portavoz é o propio Iván Rivas, que opta por primeira vez a ser alcalde.

Cal é a principal emerxencia de Ferrol?
A dependencia da administración estatal en decisións que condicionan o noso desenvolvemento futuro, como o sector naval, infraestruturas ferroviarias, saneamento da ría e relacións con Defensa; e a complicidade e o servilismo respecto desas decisións. Para nós é unha das prioridades revertir esa dependencia e que as organizacións estatais rompan eses vínculos.

Hai capacidade desde o Concello para facer iso?
Hai moita capacidade. Por ir a cuestións concretas: o convenio con Acuaes para os interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol. Está a provocar que se nos cobre por unha infraestrutura declarada de interese xeral que en tódalas cidades de máis de 50.000 habitantes pagou o Estado. Pagámola pero non podemos modificala nin decidir cal é o modelo de saneamento, e impónsenos unha rede mixta que vai supoñer uns costes económicos máis elevados. Foi o goberno municipal, coa colaboración das organizacións estatais, quen asinou ese convenio.

Que faría co saneamento o BNG se chega ó goberno?
O primeiro que faríamos é impugnar o convenio, porque supón unha usura para os veciños da cidade. Pero o problema está en que as organizacións estatais seguen delegando as decisións respecto, por exemplo, do principal sector productivo, en representantes políticos e sindicais madrileños. Establecen un deseño político para o desmantelamento dos estaleiros galegos que aquí se asume de maneira cómplice. O convenio con Defensa asínase aquí por parte do goberno municipal, e supón pagar por unhas propiedades que están abandonadas e leva incluído o desenvolvemento do plan do Sánchez Aguilera, que prevé un centro comercial e 460 vivendas. Pensar que esta cidade pode soportar un novo centro comercial e que é necesario desenvolver 460 vivendas, cando o 20% están baleiras, é un absurdo.

E que farían co convenio con Defensa?
Asumir que nós non podemos pagar nin un só euro máis por propiedades que pertencen ós veciños. En segundo lugar, a Defensa haberá que esixirlle que pague unha compensación pola ocupación de máis dun 20% do solo urbano deste concello. Eu pregúntome se algunha organización política que non sexa o BNG está disposta a falar dun dos problemas estruturais de ingresos que ten esta cidade.

Pero iso podería supoñer un novo retraso.
Eu creo que se as decisións que se teñen tomado son prexudiciais para os veciños, o lóxico e o normal é revertirlas.

Que prevé o BNG para o Sánchez Aguilera?
Un plan que se basea na recuperación das edificacións que existen. O modelo actual de urbanismo para as cidades europeas consolidadas promove a rehabilitación e limita a construción de novas edificacións tendo un patrimonio dunha calidade arquitectónica e urbanística tan alta como o desta cidade.
Cal sería a primeira medida que tomarían no goberno?
Insistir na modificación das relacións coa administración estatal. Iso pasa por que a prioridade sexa a xeración de emprego e a primeira cuestión que deberiamos asumir como básica é a creación dun complexo industrial da construción naval onde o ámbito de desenvolvemento civil e de produción de bens de equipo teña unha importancia fundamental, e para iso empregar os nosos recursos humanos e infraestruturas. Renunciar a isto é como dicirlle ós alemáns que renuncien a facer coches. E naquelas cuestións que dependen directamente de nós, aproveitar os nosos recursos. Iso pasa por poñer en valor todos os terreos que existen na zona rural, moitos deles abandonados; por que a xestión de servizos públicos deixe de privatizarse e se preste en función dos intereses dos veciños e non en función dos beneficios das empresas privadas; ou por incrementar o investimento público para a recuperación do noso patrimonio.

Hai dez candidaturas a estas eleccións, a que cre que se debe esta proliferación?
Non creo que sexan moitas. A realidade segue sendo que en Ferrol hai diferentes alternativas de carácter estatal, que teñen en común que nas cuestións chave para esta cidade comparten unha posición similar; e unha alternativa pensada e construída exclusivamente desde Galiza, que é a do BNG-Asembleas Abertas.

Considera que na grave situación económica, a cuestión identitaria quedou en Galicia nun segundo plano?
O problema é que non estamos falando diso, senón das cuestións económicas, dos nosos recursos, da nosa supervivencia como sociedade. Non estamos falando de abstracións ideolóxicas.

Que expectativas ten o BNG nestes comicios?
O BNG representa unha opción política pensada desde o país e centrada nos problemas específicos desta cidade. Nós temos un obxectivo, máis aló da maior ou menor representación institucional, que consiste en facer que esta cidade mude. Isto só o podemos facer contando cos veciños.

Pactarían con outras forzas?
A cidade pódese transformar desde o goberno e desde a oposición. Nós faremos pactos con organizacións que asuman que o saneamento da ría de Ferrol teno que pagar o Estado; que esixan a Defensa que pague pola ocupación do solo urbano; que non continuen a delegar o futuro dos estaleiros en representantes políticos e sindicais madrileños. n

“Somos a única alternativa pensada desde Galicia”

Te puede interesar