“Son favorable a un acordo co BNG porque as diferenzas son poucas”

Álvaro Montes portavoz Ferrol en Común
|

Tras estes xa máis de oito meses de goberno, cúmprense as expectativas que tiñan marcadas?
O que comprobamos é que a vontade e o desexo común atópanse coa dificultade dun entramado que se leva artellando dende hai tempo que é o da administración. Os grandes poderes financeiros fan que a administración sexa lenta e os obxectivos políticos non tan sinxelamente acadables como esperabamos, porque se priorizan aos grandes grupos respecto as persoas. A administración local baleirouse de contido e converteuse nunha administración de xestión. A vantaxe que ten é que é a máis próxima ao cidadán e aí está a nosa forza, na capacidade de activación desa cidadanía indignada.

Precisamente ese achegamento á cidadanía é un dos valores que defende Ferrol en Común, sobre todo nas áreas como a súa, de Participación Cidadá.
Respecto a outros procesos participativos doutras cidades, Ferrol ten particularidades porque xa ten un regulamento propio feito polos veciños da cidade pero eses órganos de funcionamento fan agora que a enerxía da cidadanía sexa menor. Un dos obxectivos que nos marcamos é recuperar esa enerxía e implicar á xente nova e que habitualmente non participaba.

Xa se están implicando tamén en actuacións concretas coma a da nova praza de Armas. 
Pensamos que a constitución dos órganos de participación cidadá ten que aportar debate e información. A xente se implicará na medida en que vexa que a participación é util e, sobre todo, áxil. En breve constituiremos as asambleas de barrio pero iso non achega por si mesmo, senón que o importante é o debate. Trataremos o plan de transporte metropolitano, o plan de mobilidade... queremos que a xente se achegue a debater e non a escoller só representantes. Por iso, no tema da plaza de Armas é importante implicar á cidadanía.

Porén, a oposición quéixase en ocasións de que non poden participar, de que non se convocan suficientes comisións, por exemplo.
Entendo ese malestar, pero hai que distinguir a participación de paredes para dentro e para fóra. Nós, dende Ferrol en Común, insistimos en que cada consello que se cree debe ter participación da cidadanía, mesmo a título individual. En canto ás comisións, é certo que algunhas teñen máis periodicidade que outras. Os meus compañeios cren que, ás veces, non hai contidos suficientes, e non se van convocar só para cobrar. As de Participación son quincenais e se convocan regularmente.

O Concello ten xa a súa ordenanza de transparencia e todos os concelleiros informaron dos seus bens. Vaise desenvolvendo como tiñan pensado?
Responde a unha necesidade e demanda social de cara ás administracións. A dificultade é pasar dunha administración que funcionaba como unha caixa negra a non ter caixa ningunha. Nas entidades locais ten unha dificultade maior, porque hai menos capacidades técnicas e humanas que nas demais. Creo que o Estado debería investir máis na información dos funcionarios e o único que se fixo foi marcar un prazo de dous anos para adaptarse á lei e nada máis. Tamén é certo que pensabamos en pór en marcha un portal de transparencia como o mellor instrumento para cumprir esa lei pero agora preferimos marcarnos un prazo de ir vendo onde temos que mellorar, onde si cumprimos e coa unidade de transparencia definir un portal de acordo coas nosas necesidades. Iso si, cumprindo co compromiso de software libre e reutilización de datos. 


Como partido, Ferrol en Común que situación vive?.
FeC nace impulsado dende os partidos que o conforman pero asambleariamente decídese ir a un modelo de participación cidadá e de base asamblearia aberta. Agora ten unha coordinadora con máis de 20 persoas, a maioría sen adscrición política, con comisión redactora que presentará uns estatutos e así Ferrol en Común quedará constituído nunha plataforma cidadá como as que comunmente se coñecen como Mareas. FeC apoiou a candidatura de En Marea e nese sentido seguiremos avanzando de cara a confluencia pois se demostra que é o único camiño para avanzar.

Esa posibilidade de cambio a nivel do Estado parece que se cambalea co pacto con Ciudadanos. Se o acordo co PSOE non se leva a diante, que consecuencias pode traer para Ferrol no seu pacto de goberno?
Nós temos acordo respecto á política municipal pero estamos distantes noutras cuestións, como se evidencia na constitución do goberno do Estado. Non respaldamos para nada a política do PSOE dos últimos anos e a cidadanía tampouco, porque o deixou nun mínimo histórico. Dentro de En Marea hai cuestións políticas que afectan ao noso país e eles optaron por outra opción. O acordo debe estar suscrito en termos políticos e se o Partido Socialista considera que está más próximo a Ciudadanos é unha decisión deles. Se non se pode configurar goberno agora, En Marea estará disposto nunha seguna volta a falar pero para un goberno transformador, alternativo e de oportunidades. O acordo que temos nós non terá por que cambiar, é un acordo co PSOE de política municipal de Ferrol, noutros temas podemos estar distanciados. En todo caso, se se dera ese suposto correspondería á asamblea de FeC reconsiderar o acordo de goberno en Ferrol, se se formulara.

E estaría disposto Ferrol en Común a tentar entón outros acordos con forzas como o BNG?
Ideoloxicamente o BNG está próximo a FeC. Dende un principio se lle ofreceu entrar no goberno, ese ofrecemento segue sempre enriba da mesa. Seguiremos dialogando para esa cuestión en xeral e para cuestións específicas tamén. Co BNG tanto en política municipal como para a Xunta ou o Estado eu son favorable a que haxa un acordo, porque as diferenzas son poucas e a propia práctica política e as actas así o reflicten. Os encontros son máis frecuentes que os desencontros. Pero esa reflexión debería facela tamén o BNG, debe entender a vontade de cambio que a xente expresa e participar.

Co socio de goberno, o PSOE esas mesmas actas reflectirían diferenzas en votacións locais como as do pleno pasado, en temas como o do busto de Juan Carlos I.
O do busto do rei Xoán Carlos para min responde a que queren evitar un debate. Non é a primeira vez, mesmo no Parlamento español cando se fala de Monarquía ou República ou da Transición, que eluden o debate, póñense na posición do PP ou saen da votación, como se iso xustificase algo. Hai que ter a valentía de definirse e de actuar como tal. Nese sentido, non só en Ferrol, reclamamos ao Partido Socialista que en cuestións como a reforma constitucional, o dereito a decidir ou amosar que tipo de Estado queremos, se posicione. O PSOE debería apostar por abrir un proceso constituínte. 

“Son favorable a un acordo co BNG porque as diferenzas son poucas”