A Deputación da Coruña impulsa unha rede de formación para o emprego

A Deputación da Coruña impulsa unha rede de formación para  o emprego
Curso de atención sociosanitaria desenvolvido en Cerdido

O proxecto RedeXiana2, impulsado pola Deputación da Coruña coa colaboración de fondos FEDER da Unión Europea, ten como principal obxectivo facilitar a inserción laboral das persoas da provincia en situación de desemprego. 
Neste momento participan no programa 420 persoas desempregadas dos 90 concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes, xunto con 130 empresas locais comprometidas coas persoas que buscan unha oportunidade laboral.  
O proxecto, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, a través do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, e a Deputación da Coruña conta un investimento de máis de 2 millóns de euros. A través da Rede Técnica Municipal, os concellos ceden as súas instalacións para a formación e capacitación de desempregados non só do seu propio concello, senón tamén doutros próximos. 

Prácticas profesionais en empresas
As empresas adquiren un papel protagonista no proxecto, ao participar no  programa de prácticas profesionais. Mediante a sinatura dun acordo de colaboración co organismo provincial para a acollida de alumnado en prácticas, pon de manifesto o seu compromiso co emprego  contribuíndo á construción dunha provincia máis responsable socialmente. A Deputación da Coruña subscribiu xa un total de 130 acordos con empresas  como IPASA, BRICOKING, GRUPO CALVO,  GONZACAR… así como un gran número de pequenas empresas, en especial nos sectores agrícola, eléctrico e da automoción.
As prácticas en empresas, ademais de completar a formación das persoas beneficiarias, supoñen unha oportunidade máis de emprego, posto que nalgunhas ocasións as empresas colaboradoras convertéronse en empregadoras. Para facilitar a participación das persoas desempregadas, o proxecto Rede Xiana2 conta cun  programa de bolsas no que se investiron preto de 150.000 euros.

184 cursos desde o ano 2013
Dentro do proxecto RedeXiana2 realizáronse máis de 17.000 horas de formación teórica e 126.000 de prácticas, das cales ao redor de 40.000 son correspondentes ás accións formativas de carné de conducir e de transporte de mercadorías por estrada, pois o proxecto facilita ás persoas participantes a obtención do carné de conducir B e C  e o acceso ao  Certificado de Aptitude Profesional (CAP) de Transporte de Mercadorías. 
Os sectores de formación máis relevantes son o de servizos de proximidade para a dependencia, o de enerxías renovables, agricultura, o sector industrial e o de transporte e loxística. Ademais impartíronse outras accións de capacitación e preformación como habilidades sociais e comunicativas, alfabetización informática, prevención de riscos laborais e manipulación de alimentos.
O fomento do autoemprego ocupa un lugar relevante en Rede Xiana2 e, neste sentido, desenvolvéronse diversas accións formativas como a comercialización electrónica, xerencia de empresas de economía social e creación de empresas.  Estas accións están encamiñadas a concienciar e sensibilizar ás persoas beneficiarias na oportunidade que supón o autoemprego como unha boa opción para confeccionar o seu propio futuro laboral. Deste xeito incentívase a xeración de ideas de negocio innovadoras e viables, con perspectivas reais de lograr a súa propia inserción laboral.
 

A Deputación da Coruña impulsa unha rede de formación para o emprego

Te puede interesar