Estrean no Jofre o documental sobre Andrés Dobarro “O tren que me leva”

Estrean no Jofre o documental sobre Andrés Dobarro “O tren que me leva”
cartel do documental de anxo fernández

O documental de Anxo Fernández sobre o músico ferrolán Andrés Dobarro por fin ve a luz. Esta tarde, ás 20.30 horas, no teatro Jofre, poderase gozar por primeira vez de “O tren que me leva”, un traballo que leva anos na cociña, desde que escomenzara a rodaxe hai case unha década. Cuestións de produción retrasaron unha estrea que chega un ano antes de que se cumpra o 25 cabodano do autor de temas como “O tren” (faleceu en de-cembro de 1989).
“Este documental quere poñer en valor o noso patrimonio cultural, porque vivimos nun país cunha tendencia un pouco rara de esquecernos do que é importante para nós”, comenta Fernández.
Dobarro, a cabalo da música pop, chegou a tódolos recunchos do país e, aínda que a priori non tiña a carga ideolóxica do movemento “Voces ceibes”, “a defensa do galego estaba en todo o que facía, e nese momento especialmente”, apunta o realizador.
 “Tentamos valorar o fenómeno da figura de Andrés Dobarro, que chegou mesmo a ser número un nunha época difícil, na que o goberno de Franco se chegou a preocupar seriamente, temendo unha nova “Canció catalana” en Galicia, con toda a ideoloxía que levaba”, explican.
A viúva e os fillos de Dobarro, así como amigos e admiradores como Xavier Alcalá, Xosé Manuel Silva, Xoán Rubia, Nonito Pereira, Francisco Gutiérrez, José Manuel Lasen, Xosé Luis Blanco Campaña, Tito Ríos, Pepe Serrano, Manuel Torreiglesias, Pepe Domingo Castaño, Joaquín Luqui ou Vicente Araguas, entre outros, prestan a súa voz para reconstruír esta biografía. Inclúense ademais fotografías e material audiovisual da época.
O éxito de Dobarro en toda España sería case imposible de repetir na actualidade, segundo Anxo Fernández. “É utópico, iso non o imos ver, e sobre todo tal e como vai a deriva socióloxica. A sociedade de entón non era tan temerosa de falar no noso idioma, agora hai bastante prexuízo”, explica. Pero non era só no ámbito galegofalante no que triunfaba, pois, “como dicía Joaquín Luqui, o galego de Andrés era moi fácil de entender, e tiña esas cancións pegadizas. Canta xente hai que é capaz de cantar en inglés sen saber o que di?”.
Este milagre do pop que foi o cantante ferrolán, na versión audiovisual que hoxe se ve no Jofre (con entrada gratuíta, só hai que pasar pola billeteira), circulará por distintos canles de distribución para chegar ó maior público posible. Ademais, a CRTVG ten os seus dereitos de emisión, así que tamén se verá na televisión pública.

Estrean no Jofre o documental sobre Andrés Dobarro “O tren que me leva”

Te puede interesar