Medio cento de pintoras no Salón da Muller da SAF

A Sociedad Artística Ferrolana prepara unha nova edición do seu Salón da Muller na Pintura, no que participarán preto de medio cento de artistas. Inaugurarase o vindeiro 17 de abril e terá como escenario, nesta ocasión, a sede de Afundación. A iniciativa quere “apoiar, fomentar e incluso promocionar” ás mulleres “cheas de sensibilidade, intuición, capacidade e moitas cousas máis”, indican desde a veterá asociación cultural, para “ofrecer unha exposición chea de atractivo e interese”.
A delegada de arte da SAF, a pintora e ilustradora Corín Cervera, será a comisaria desta mostra, na que se poden atopar nomes como os de Elena Amaral, Jane Danko, Chuca Garrote, Sabela Baña, Inés Sicre, Rosa Fernández Salanova, Pepa Acevedo, Marielvi Míguez, ou Verónica Bellas, entre moitas outras. A SAF editará un catálogo. Para esta actividade conta coa colaboración do Concello de Ferrol e tamén de comercios como a Galería-Museo Enrique Vázquez ou MagdalenARTE.

concurso de piano
A SAF informa de que se esgota o tempo para a inscrición no seu concurso de piano para estudantes de Grado Elemental e Medio de Galicia. O prazo está aberto ata o día 9 de abril, este mesmo xoves. A final celebrarase os días 24 e 25 de abril no auditorio de Afundación, na praza da Constitución.
O premio de piano da SAF establece tres categorías diferentes en función da idade dos intérpretes. A dos máis pequenos ten como límite de idade os doce anos e inclúe a interpretación de dúas obras libres de diferentes estilos, nun máximo de dez minutos de duración. Os premios consisten en diplomas para os tres primeiros clasificados. O gañador recibirá ademais unha placa.
A segunda categoría abrangue entre os doce e os quince anos e esixe a interpretación de dúas obras libres nun máximo dun cuarto de hora de tempo. Os premios tamén consisten en diplomas e placa conmemorativa para o gañador.
Estas dúas modalidades están restrinxidas a pianistas que residan na área de Ferrol e a súa comarca, para manter o seu carácter local. Non ocorre así para a categoría entre os 15 e os 19 anos, que se amplía a toda Galicia. A interpretación neste caso terá unha duración máxima de vinte minutos e xa se incluén recompensas económicas nos premios. Así, o gañador recibirá, xunto coa placa e o diploma 900 euros, mentres que o segundo obterá 400 e o terceiro clasificado recibirá 200 euros.
A inscrición debe facerse remitindo a ficha correspondente (que se pode obter a través da páxina web da SAF) e a fotocopia do DNI ó apartado de correos 339, 15480, Ferrol. 

Medio cento de pintoras no Salón da Muller da SAF

Te puede interesar