As mellores especies de camelias danse cita en Narón na XV Mostra

As mellores especies de camelias danse cita en Narón na XV Mostra
Centro Comercial Odeón. Inauguración Mostra da Camelia

O Centro Comercial Odeón convértese esta fin de semana nun auténtico escaparate floral coa celebración da “XV Mostra da Camelia Cidade de Narón” que onte pola tarde foi inaugurado pola alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro.

O Concello colabora coa Asociación Galega da Camelia nun evento no que o público pode gozar de centos de variedades diferentes deste arbusto grazas á participación dunha trintena de expositores procedentes, ademais de Narón, doutros puntos da comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal, e de concellos como Boiro, Vilagarcía, Cuntis e Vigo, entre outros.

Todos estes cultivadores comezaban onte a primeira hora da mañá a preparar as composicións que ao mediodía serían valoradas polo xurado encargado de decidir os premios, entregados trala inauguración.

Premiados
Os galardonados nas diferentes categorías foron: Abelardo Barcala, de Vilagarcía (mellor cultivador); Begoña Franco, de Boiro (camelia japónica); Zoraida Pérez, tamén de Boiro (flor miniatura); Abelardo Seoane, de Fene (composición artística); Asociación Poza da Moura, de Domaio (mellor camelia reticulata); Geli Piñeiro, de Tomiño (mellor híbrido de camelia); e Manuela Couso, de Cuntis, que se levou o premio á mellor especie de camelia.

Marián Ferreiro felicitou á Asociación Galega de Camelia polo traballo realizado na organización e tamén a todos os cultivadores participantes, traendo á cidade os mellores exemplares das súas especies de camelios.

A alcaldesa subliñou o compromiso da cidade coa entidade, que se remonta a hai máis dunha década, coa plantación duns trescentos exemplares desta especie no parque de Freixeiro e a creación en 2002 dunha propia, a Camelia Cidade de Narón, polo vicepresidente da Asociación Galega da Camelia, Eusebio López, presente tamén na inauguración da Mostra.

O presidente da devandita entidade, Edmundo Novoa, agradeceu a colaboración prestada tanto polo Concello como desde o Centro Comercial Odeón para poder desenvolver con éxito este evento. Destactou así mesmo a gran calidade das flores que se poden ver este ano na exposición así como a elevada participación de cultivadores. 

Hoxe
A actividade da XV Mostra incluirá hoxe, a partir das 10.30 horas, unha visita guiada ao xardín das camelias de Manuel Cruz, situado na parroquia fenesa de Sillobre. Ademais, desde as 10.00 e ata as 18.00 horas continuará aberta ao público a exposición en Odeón.

As mellores especies de camelias danse cita en Narón na XV Mostra

Te puede interesar