A asociación teatral naronesa O Aturuxo de Melpómene estreará o domingo, ás 20.00 horas no Auditorio Municipal de Narón (situado na Praza de Galicia) a obra infantil “Misterios” –a entrada é totalmente de balde–. Escrita e dirixida por Paula Carballeira, a peza está interpretada por María López, Silvia Casal, Leandro Lamas e Lorena Montero. Está dirixida a nenos a partir de seis anos de idade e ten unha duración de 55 minutos.
A protagonista da obra é Mara, unha nena que tentará buscar respostas con todas as súas forzas aos misterios que, algúns días, semellan aparecer por todas partes: na casa, na rúa, no galiñeiro... “ non hai nada máis emocionante nin máis divertido que resolvelos”, tal e como se salienta na sinopse da peza.
A estrea encádrase no Ciclo de Teatro Afeccionado de Narón coordinado precisamente polo Aturuxo de Melpómene coa colaboración do Padroado da Cultura do concello e a Federación Galega de Teatro Afeccionado.
"terapia de bar"
Neste mesmo programa inclúese a segunda das estreas coas que o grupo naronés inicia o novo curso. Trátase da comedia de creación colectiva “Terapia de bar”, escrita neste caso polo dramaturgo José Prieto e que o público poderá ver o vindeiro domingo 16. Antes, o día 12, o ciclo ofrecerá a representación da peza “A casa do senador”, do grupo Porta Aberta.
A entrada a todas estas funcións é completamente gratuíta. As persoas interesadas en asistir deben recoller as invitacións no Pazo da Cultura, onde se podern facer reservas de luns a venres de 10.30 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.30 e os sábados de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Os espectadores recibirán un agasallo conmemorativo do ciclo e tamén unha rifa coa que poderán participar no sorteo de dúas entradas para un espectáculo da actual temporada no Pazo da Cultura.
Lodo destas dúas estreas, O Aturuxo de Melpómene agarda poder levar as súas novas creacións ao maior número de lugares posibles.
Ata o de agora xa están algunhas datas pechadas. “Misterios” visitará Ames e A Pobra do Caramiñal, mentres que “Terapia de Bar” poderá ser vista o 29 de outubro en Santa Icía.
A Asociación Teatral O Aturuxo de Melpómene, da que na actualidade forman parte máis dunha trintena de persoas, constituíase en 2007 en Narón por iniciativa dun grupo de 13 alumnos e alumnas da Escola de Teatro de Narón que sentían a necesidade, salientan, de crear unha entidade propia coa finalidade de promover os proxectos e traballos en común no eido teatral. Xunto á promoción e divulgación de espectáculos, ao longo de cada curso desenvolven tamén propostas que teñen que vere coa formación e outras complementarias.