Atrasos

Con isto das cambiantes restricións de mobilidade e outras historias relacionadas coa inacabable pandemia que nos asola non é de estrañar que por veces nos despistemos e trabuquemos, incluso, o data na que vivimos. Onte mesmo, lendo o noso Diario, non daba atopado ningunha referencia á final da Copa da Raíña de fútbol da temporada 2019-2020. “Cousa rara”, pensaba, ata que caín na conta de que estabamos a día 6 e non a 13, que é cando se vai xogar, no malacitano estadio da Rosaleda, o partido entre os equipos femininos do Barcelona FC e o EDF Logroño. Será, como tantos outros, a porta pechada, malia que, para intentar evitar esa absurda situación se veu retrasando a data.


Lembrei entón, que o 11 de febreiro de 2020 -en 4 días haberá un ano- acudira ao estadio de Riazor a presenciar o partido de octavos de final no que o Deportivo Abanca vencera ao Valencia FCF por 7 a 2, con nada menos que catro goles da dianteira vasca Peke. Logo, 15 días despois, o 26 de febreiro, o Dépor caera por 1 a 0 -tanto conseguido no último minuto da prórroga- contra o potente Barça. Tempos aqueles nos que só se falaba minimamente dalgúns contaxiados da covid-19.


A final estaba fixada para o 31 de maio, mais esa data ficou axiña fóra de lugar pola rápida expansión da enfermidade. Tanto é así que as semifinais en que o Barça, con un contundente 6-0 eliminou o Sevilla FC e o EDF Logroño, por penaltis, o Athletic de Bilbao- non se xogaron ata os primeiros días de outubro.

Xa sabemos que o da igualdade xenérica, que na vida cotiá non pasa moito de ser un desideratum, no mundo do fútbol é moito menos que iso. O fútbol masculino move inxentes cantidades de diñeiro ao que os que mercadean nel non están dispostos a renunciar pase o que pase. De feito, as ligas acabáronse como se acabaron e o presente campionato empezou, e séguese desenvolvendo, daquela maneira: baixas constantes de xogadores, de adestradores e membros dos corpos técnicos, suspensión de partidos, ausencia de espectadores... Todo moi anómalo.


Alguén podería aludir a que a final de Copa masculina tampouco se disputou -será, finalmente, o 4 de abril, aínda despois da feminina-, mais os motivos do retraso non son os mesmos. Lembremos que tanto a Real Sociedad como o Athletica de Bilbao, declinaron xogar -mesmo perdendo a praza que ao campión lle correspondía na Europa League- se non había espectadores. A día de hoxe aínda non está claro se desta volta poderá habelos ou non.


Hai uns días escoitei na televisión unhas declaracións -son as que motivaron estas liñas-de Jennifer Hermoso, capitá da selección e xogadora do Barcelona, queixándose dos prexuízos que acarrea o feito da suspensión de partidos soltos que supón que uns equipos cheguen a ter ata tres partidos menos que outros. Reclamaba que, antes de seguir avanzando nas xornadas previstas, se xogasen eses partidos pendentes. Se reparamos en que o Barcelona aínda non perdeu ningún partido e vai de líder destacado, debemos pensar que o dito pola súa dianteira semella o máis lóxico.

Atrasos

Te puede interesar