Correspondentes 3.0, os alumnos como transmisores da información xuvenil

Diario de Ferrol-9999-99-99-999-e38aa5bd_1
|

Convocatorias de bolsas, certames, programas de intercambio, estadías formativas ou de lecer, asociacionismo... Estas e moitas outras cuestións dirixidas á xuventude son as que se encargan de difundir entre os seus propios compañeiros os alumnos que este curso decidiron implicarse no programa “Correspondentes 3.0”.
A iniciativa, enmarcada no Plan Proxecta de Educación, está impulsada pola Consellería de Traballo e Benestar. Na comarca de Ferrolterra son dous os centros embarcados na mesma: o IES Saturnino Montojo de Ferrol e o IES de Mugardos. Nos dous casos, os equipos participantes –que contan co apoio de docentes– convértense en auténticas “antenas informativas” das novidades que vai xerando a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Unha información que moitas veces pasa desapercibida para os propios rapaces e que, deste xeito, preténdese que chegue dunha forma máis directa. Para iso bótase man, entre outras cousas, dos medios e ferramentas que máis seguimento teñen entre os rapaces, ocupando aquí un papel protagonista na difusión das novas  as redes sociais. Pero non é o único recurso. Así, por exemplo, no Saturnino Montojo teñen instalado un taboleiro na entrada do centro así como un punto de información na biblioteca e un enlace na propia web do centro educativo.
Ademais, ante a publicación dalgunhas convocatorias, os propios “correspondentes” pasan polas aulas dos seus compañeiros para dar conta da mesma e explicala aos potenciais beneficiarios. “Trátase de concienciar aos rapaces de que o mundo se abre máis alá do instituto, de achegarlles aquela información que ás veces doutro xeito non lles chegaría”, apunta Carme Fernández, coordinadora do Equipo de Normalización da lingua galega do instituto ferrolán. Arredor de 20 alumnos de ESO, Bacharelato e do ciclo formativo de Laboratorio de Imaxe e tres profesores –a propia Carme Fernández, Marcos Padín e Corona Tato– participan no proxecto. Fernández salientou ademais o pleno apoio tanto da dirección como do Claustro á iniciativa. Xunto á difusión da información, a profesora ten previsto facer un seguimento de como os estudantes xestionan, unha vez recibida, esa información.
A través do programa, preténdese axudar aos rapaces a seleccionar a información que lles interesa en todas as facetas da súa vida académica, de tempo libre e mesmo nalgún caso incluso laboral, así como proporcionarlles “as claves necesarias para a súa interpretación”.
O Saturnino Montojo xa participou nestre programa o curso pasado. Grazas a el, tal e como se salienta a modo de balance, contribuíuse á formación da mocidade na xestión do manexo da información, “potenciando as súas habilidades sociais e a asunción temperá de responsabilidades”. Tamén permitiu mellorar, segundo a propia coordinadora, a competencia da autonomía persoal, “aprender a aprender, a competencia social e cidadá e tamén a lingüística e a dixital”.
A normalización da lingua galega é outro dos elementos que se ve reforzado a través da realización de actividades como estas ao empregala como a ferramenta de comunicación cotiá entre a mocidade e “como vehículo básico de comunicación de temas do seu interese”.

mugardos
No IES de Mugardos, arredor de 15 rapaces sobre todo de primeiro de Bacharelato e algún de 4º da ESO integran o equipo de “correspondentes xuvenís” cuxa misión é a de difundir a información que poida ser de interese para todos os estudantes.
Aínda que o grupo está “quentando motores”, tal e como salientan desde o centro, hai xa moitas ideas sobre a mesa co propósito de que todo ese caudal informativo chegue da mellor forma posible aos destinatarios e o faga, ademais, do xeito ameno e atractivo. Así, na actualidade están a barallar a posibilidade de transmitir as novas que vaian xurdindo a través de vídeos elaborados por eles mesmos.

beneficios
Tal e como se recolle na convocatoria do plan, os alumnos participantes recibirán gratuitamente formación en materia de información xuvenil, así como o carné xove, o internacional e o de alberguista durante o ano escolar no que estean implicados na iniciativa e terán preferencia nalgúns dos programas da Xunta.

Correspondentes 3.0, os alumnos como transmisores da información xuvenil