Teatro do Noroeste elixe Narón para a estrea da obra “Estado de Graza”

Teatro do Noroeste elixe Narón para a estrea da obra “Estado de Graza”
Unha escena da obra que o venres chagará ao Pazo da Cultura

O Pazo da Cultura de Narón será esta fin de semana o lugar escollido por Teatro do Noroeste para a estrea da peza “Estado de Graza” coa que a compañía compostelá celebra neste 2017 os seus trinta anos en escena. A obra, escrita e dirixida por Eduardo Alonso e interpretada pola actriz ferrolá Luma Gómez, Imma Antonio, Manuela Varela e Nini True, será representada o venres ás 20.30 horas e o día seguinte, o sábado, ás 20.00 horas.
As entradas para o espectáculo están xa á venda na billeteira do Pazo da Cultura ou a través da web www.padroadodecultura.es a un prezo de 9,50 euros para o público en xeral e 6,65 para os que se beneficien dalgún desconto.
Con “Estado de Graza”, Teatro do Noroeste pecha una serie de espectáculos relacionados coa memoria histórica que se iniciou con “Imperial Café Cantante. Vigo, 1931” e continuou con Glass City e “Palabras Malditas”.
Nesta ocasión, a obra sitúase nos días previos e posteriores á morte de Franco. “Neste contexto a peza vai situando certeiras cargas de profundidade que obrigan á reflexión respecto a cuestións trascendentes como as diferencias xeracionais e de clase ou a defensa das liberdades individuais fronte ao xugo que impoñen a relixión e as convencións sociais”, salientan desde a compañía.

sinopse
Na obra, Lola, unha moza dunha boa e acomodada familia, queda embarazada con 16 anos, “un pecado que naqueles tempos non podía ser perdoado”, sinalan. Para evitar o escándalo, a súa nai envíaa a parir a Bilbao a unha institución que en realidade é unha tapadeira de latrocinio de bebés. Unha vez dá a luz, foxe e agóchase en Madrid co seu bebé. No ano da morte de Franco, Lola regresa á súa casa natal despois de pasar 14 anos sen dar sinais de vida. Faino acompañada da súa filla e cun cancro diagnosticado que lle dá poucos meses de vida.

Teatro do Noroeste elixe Narón para a estrea da obra “Estado de Graza”

Te puede interesar