Xornada de exaltación do mel do Ortegal

Xornada de exaltación do mel do Ortegal

Entre a gran variedade de produtos que onte se podían adquirir na Alameda de Ortigueira –castañas, mazás de Loiba, queixos da Brigantia de San Sadurniño, chocolates elaborados en Ribadeo, fabas de Asturias, entre moito máis–, o mel foi o gran protagonista.
A este alimento adicouse a XXVIII Feira coa que o Concello ortegano e a delegación de AGA (Asociación Galega de Apicultura) na zona quixeron exaltar un ano máis a súa calidade e salientar tamén a súa importancia como un recurso primordial que pode xerar riqueza de maneira sostible.
As vantaxes que supón o feito de que os produtores certifiquen os seus produtos de cara ao mercado, para competir así con outros meles que veñen doutros países e que non teñen, nin de lonxe, a mesma calidade que o producto elaborado no país nin a garantía de que sexan feitos de maneira xusta e sostible, foi outras das cuestións nas que os organizadores quixeron incidir nesta edición.
Con tal fin celebrouse precisamente na xornada do sábado unha charla do Consello Regulador “Mel de Galicia”, á que sucedeu unha “barferencia”, no pub Galaripos de Ortigueira, co fin de continuar coa concienciación da poboación contra as especies invasoras como a vespa velutina que ameazan as colmeas.

onte
Estas actividades deron paso, na xornada de onte, á celebración da propia feira, que reuniu arredor de medio cento de postos entre os situados no interior e no exterior da carpa instalada na Alameda do concello de Ortigueira, con gran variedade de produtos de artesanía e de alimentación, así como unha exposición micolóxica.
Nese mesmo escenario desenvolvéronse ademais, ao longo do día, as actividades programadas pola organización, como foi a degustación de queixo con mel do Ortegal, á que seguiu a actuación musical do grupo Gamelas e Anduriñas así como o xantar popular. Pola tarde, os asistentes á feira tiveron a oportunidade de asistir a unha demostración en vivo e directo do proceso de extracción e elaboración do mes para a continuación gozar dun magosto e unha queimada totalmente gratuítas. En definitiva, unha completa xornada marcada pola gran afluencia de público durante todo o día, tal e como salientaron desde a organización, e na que tampouco faltou un espazo específico para a diversión dos máis pequenos.

Xornada de exaltación do mel do Ortegal

Te puede interesar