O público arropou a II Chanfaina Lab de San Sadurniño

O público arropou  a II Chanfaina Lab de San Sadurniño
As obras foron estreadas o pasado sábado na Casa da Cultura

A Casa da Cultura de San Sadurniño viviu o sábado unha intensa cita co cine da man da segunda edición do II Chanfaina Lab. Máis de 150 persoas asistiron á estrea das curtametraxes realizadas polos cineastas participantes na iniciativa impulsada polo profesor e académico Manolo González e Carmen Suárez, e que coas súas obras achegaron “máis dunha vintena de miradas sobre o municipio e a súa xente a través da ficción, o documental e as reflexións experimentais sobre a paisaxe”, destacaron desde o propio Concello. 
Os directores foron presentando as súas pezas ante un auditorio no que se atopaban algúns dos protagonistas das historias contadas nas obras audiovisuais. 
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, referiuse ao Chanfaina Lab como “unha aposta polo cine galego e polos seus creadores e creadoras” e como unha oportunidade para botar unha ollada sobre o municipio desde outra perspectiva. Reivindicou o apoio á creación “en tempos duros para a liberdade de expresión” e aludiu ao recente episodio dos monicreques presos en Madrid. “Eu quero ser un titiriteiro máis”, dixo.
O principal artífice do proxecto, Manuel González, trasladou o protagonismo da iniciativa tanto aos propios cineastas como ao Concello e aos veciños que colaboran a través da súa participación nas curtas, nas que saen, dixo, “máis de 120 persoas” do municipio.

O público arropou a II Chanfaina Lab de San Sadurniño

Te puede interesar