Un total de 22 centros da zona teñen acceso ós contratos-programa

Un total de 22 centros da zona teñen acceso ós contratos-programa
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-9d45b70c_1

Na provincia da Coruña, no actual curso académico beneficiaranse dos contratos-programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria un total de 114 centros educativos públicos, dos que 22 pertencen ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
Todos eles desenvolverán, baixo o paraugas desta fórmula, unha serie de accións dirixidas a mellorar a calidade do ensino “para reducir a porcentaxe de alumnado con baixo rendemento”, segundo fontes do departamento educativo. A partir da análise das súas propias eivas e fortalezas, cada colexio ou instituto propón á Administración a sinatura dun documento, denominado “contrato-programa”, no que se propoñen as correspondentes accións de mellora.
Estas englóbanse en diferentes apartados, en función dos obxectivos a acadar. Existen un total de seis liñas xerais, entre as que os centros elixen as que consideran oportunas para desenvolver o seu proxecto.
A máis demandada segue a ser, seguindo a tendencia dos últimos anos, a que ten que ver co programa de reforzo, orientación e apoio ao alumnado que presenta dificultades de aprendizaxe, así como daquel con desvantaxe educativa (o antigo PROA), que no presente curso será desenvolvido por 18 dos 22 centros da comarca que asinaron os contratos-programa.
Outra das actuacións ten que ver coa mellora das competencias clave (matemática, comunicación lingüística ou en ciencia e tecnoloxía), a segunda en número de participantes.
A estas súmanse ademais as que teñen como finalidade contribuír á mellor convivencia nas aulas, un aspecto ao que este ano incorporouse tamén o relacionado coa promoción da igualdade. A prevención do abandono escolar temperá e do abstetismo escolar ou a mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia e a mellora da calidade na xestión dos centros, son outros dos obxectivos en base aos cales se deseñan as restantes accións.

modalidades
De entre todas as modalidades, os centros escollen as que cren que máis lles poden beneficiar. Algúns optan por unha soa das liñas de actuación convocadas pola Consellería, mentres que noutros centros chegan a se desenvolver máis da metade dos programas previstos.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu onte a sinatura dos contratos-programa que se desenvolverán na provincia da Coruña. No decurso do acto, referiuse aos devanditos plans de mellora como unha das políticas educativas da Xunta que permitiu baixar o abandono educativo temperá en Galicia case 9 puntos respecto de 2009.
Neste sentido salientou que o último dato dispoñible trimestral sitúa o abandono en Galicia nun 15,7%, moi preto xa, dixo, do 15% que se marca como obxectivo a Estratexia, Educación e Formación 2020 da Unión Europea. Engadiu ademais que a media do ano 2015 foi do 17%, case nove puntos menos ca media de 2009.
O conselleiro explicou que a través dos contratos-programa e partindo da autonomía dos centros conseguiuse, ademais de visibilizar o esforzo da comunidade educativa en prol do éxito escolar, afondar na cultura da avaliación.
De feito, según explicou, este curso un total de 69 centros galegos desenvolverán contratos-programa deseñados de forma específica en función dos resultados da proba de Terceiro de Primaria realizada en maio do pasado ano.
Os colexios da comarca que desenvolverán algunha destas actuacións son os seguintes: Mosteiro de Caaveiro, Monte Caxado, CEE Terra de Ferrol, A Laxe, Cruceiro de Canido, Esteiro, Manuel Masdías, Plurilingüe San Xoán de Filgueira, Recimil, Plurilinüe Virxe da Cela, A Gándara, Plurilingüe Virxe do Mar, O Feal, San Sadurniño e Atios. No tocante aos institutos figuran o Cabo Ortegal, Ferrol Vello, Ricardo Carballo Calero, Mugardos, Terra de Trasancos, Fraga do Eume e o CIFP Ferrolterra.

Un total de 22 centros da zona teñen acceso ós contratos-programa

Te puede interesar