Mar e confrarías limitan a extracción nas zonas libres a partir do luns

Mar e confrarías limitan a extracción nas zonas libres a partir do luns
mariscadores na zona b das pías o primeiro día trala reclasificación, en maio pasado jorge meis

Os mariscadores das confrarías de Ferrol e Barallobre volverán faenar o luns nas zonas C da ría logo de dous meses de parada para dar descanso non só ao persoal que xestiona as bateas de reinstalación, senón tamén ao propio recurso, que levaba case un ano seguido –de xullo de 2012 a xuño do actual– de explotación intensiva, en concreto tres días á semana.
Así, mentres non se dean a coñecer os resultados das mostraxes efectuadas polos técnicos da empresa Seaga ao longo destas últimas semanas no banco das Pías, o máis importante de ameixa babosa de toda Galicia, os últimos datos dispoñibles, correspondentes ao exercicio en curso, apuntaban a un descenso de máis do 45% do stock de ameixa de talla comercial, isto é, igual ou superior aos 35 milímetros, segundo a zona na que se extraia o marisco. Hai que lembrar que a Consellería do Medio Rural e do Mar puxo en marcha en setembro de 2011 un plan experimental para permitir, non só nalgunha zona de producción da ría ferrolá –case todo o banco das Pías, neste caso–, senón tamén noutras de Arousa e Vigo, tras detectar problemas de crecemento dos bivalvos nas mesmas.
A situación nas zonas libres –todas elas clasificadas como B en función da súa contaminación microbiolóxica– é mesmo peor, pois as reservas rondaban as 19 toneladas, isto é, algo máis dun terzo do exercicio 2012.

planificación
O departamento que dirixe Rosa Quintana e mais os patróns maiores dos pósitos acordaron a finais de xullo pasado prorrogar a agosto o descanso que o ano pasado se concentrou nun só mes, o de xullo. O motivo, os bos prezos aos que se estaba pagando o quilo de babosa, entre catro e cinco euros por riba que antes de suspender a reinstalación nas bateas, como publicou onte este xornal.
Este momento favorable para a feble economía dos mariscadores provocou que se nestes dous últimos meses se teña recolectado máis ameixa que no verán do ano pasado, polo que é de supoñer que o stock nas zonas libres será máis limitado que na pasada primavera.
Deste xeito, o calendario consensuado polas partes introduce modificacións con respecto ao que se desenvolveu desde a reclasificación dunha parte do GAL 03/08. De luns a mércores, os mariscadores faenarán na zona C das Pías para depurar a ameixa nas bateas de Punta San Carlos e a parte externa da ría, en concreto, desde a liña imaxinaria que une o peirao de Curuxeiras e Reganosa. Deste polígono exclúense as enseadas de Santa Lucía, O Baño –incluída A Redonda– e Laxe. Este réxime pretende favorecer a extracción de carneiro e ameixa rubia e limitar a de babosa para non minguar aínda máis o xa exiguo stock existente na actualidade.
Para os xoves e venres pecharanse as zonas C, continuarán abertas as B da parte externa –coas mesmas excepcións que de luns a mércores– e permitirase a faena na autorización de ameixa de 35 milímetros.

Mar e confrarías limitan a extracción nas zonas libres a partir do luns

Te puede interesar