Pepe Cunha | “A calidade da música galega é moi superior á presenza que ten nos medios”

Pepe Cunha | “A calidade da música galega é moi superior á presenza que ten nos medios”
Pepe Cunha

“Guadi Galego, pola beira da canción” é o primeiro libro do locutor e crítico musical Pepe Cunha. Publícao Embora.

Por que un libro sobre Guadi Galego?
Edicións Embora preguntoume se querería facer un libro sobre un artista galego. Pensei en Guadi porque coincidín con ela na miña traxectoria na radio e no xornalismo musical. Fixen un esquema rápido para ver como artellalo e a cousa axiña foi para adiante, dun xeito moi natural. Sentinme cómodo porque todo foron facilidades por parte da propia protagonista e tiven liberdade total da editora para estruturar o libro...

Que ten Guadi Galego que non teñan outras artistas desa xeración?
Guadi xunta varias cousas; a inquedanza que se lle supón a unha artista de calidade á hora de experimentar e probarse a si mesma, buscar outros horizontes, outro xeito de compoñer e cantar... Ten unha versatilidade que acompaña sempre cunha gran calidade. É capaz de que esa calidade sexa ao mesmo tempo accesible, non é algo elitista que se distancia moito do público. Penso que conxuga ben o risco, a versatilidade, co público xeral.

Como foi a relación con ela ao longo do proceso de elaboración do libro?
Foron un par de entrevistas e moitas conversas para confirmar os pequenos detalles... No momento no que o libro estaba xa rematado e estaba facendo a revisión lingüística, pediume lelo. Envieille o relato coa fin de que puidera mirar se había algún erro. En calquera caso, non me orientou cara a onde tiña que ir o libro nin me recomendou non falar dalgún tema. En absoluto, liberdade total.

Ten unha traxectoria de moitos anos no mundo da crítica musical, pero é o seu primeiro libro. Como valora esta primeira experiencia?
O que me gustaría, en primeiro lugar, é que esta edición vaia para adiante. A idea é facer unha colección de artistas galegos para reivindicar, pólos en valor... E a miña maior ilusión sería que esta colección seguira para diante: con Guadi, con Magín e logo outros moitos que deberían estar.

Unha cousa é a crítica musical e outra unha biografía, claro.
Hai persoas ás que lles poden interesar as anécdotas que eu conte ou a miña visión do panorama musical, pero contar a historia dunha personalidade como Guadi, é algo moi diferente.

É o responsable de Ábrete de orellas. Como xurdiu aquilo?
Ao igual que o libro, Ábrete de orellas xurdiu dun xeito moi natural. Empecei a facer radio porque alguén mo recomendou; había unha radio universitaria, funme formando, collendo inspiración dos diferentes xeitos de facer radio e funos levando ao meu terreo. Antes era un 10% de música galega; agora xa andamos por un 70%. Esa idea foise desenvolvendo; os artigos que publicaba en Diario de Ferrol colgábaos tamén na rede, internet estaba comezando a popularizarse, os podcast, Facebook...

Un pioneiro, dalgunha maneira...
É que non somos moitos e ás veces perdes a perspectiva, sobre todo desde Ferrol. Galicia peca do mesmo que España: sempre foron centralistas, unha con Santiago e outra con Madrid. En Santiago cócese todo e se non estás alí, custa máis. Pero tamén está o compromiso contigo mesmo e co que escribes; eu escribo como se me foran ler cinco mil.

O maior peso da música galega responde á súa evolución como crítico ou é algo máis reivindicativo?
É unha mestura de ambas.. Eu busco compartir cousas que eu ía coñecendo –sen ditar: o que mola ou o que non–, ía compartindo. Sendo de Ferrol, non te enchoupas tanto de música galega como noutros sitios. E empecei a divulgalo. Cando vin a repercusión que os artistas galegos tiñan fóra e a calidade que eu lles vía comparada cos demais, nese momento decidín que conviviran en igualdade. No meu programa pode soar xente de fóra ou xente galega, e sempre tiven claro que nunca ía ser un gueto, nunca iría a un programa só de música galega. Porque, ao final, o pouco que conseguín é que a xente á que lle mola un estilo vexa con naturalidade no mesmo programa, na mesma web, nomes galegos e de fóra. Eu non quero militancias. E así colles xente de galego e xente de fóra que vén tocar a Galicia. Ábrete de orellas pretende ser unha convivencia, con naturalidade. Hai xente que o fai moi ben como GZ Música, só en galego, pero eu non quero iso.

Como ve o panorama musical galego actual?
De calidade e creatividade, boísimo, e que non se ve acompañado desde os medios que teñen por obriga facelo e os que non téndoo por obriga –medios privados– reciben moitas subvencións. Penso que a calidade é moitísimo superior que a presenza que teñen nos medios.

E iso é certamente dramático...
Para min, si; e para os músicos, tamén. Que vexas páxinas dedicadas a orquestras de versións cando non o necesitan. Eu teño falado dalgunha artista cando eramos poucos os que a viamos; agora xa non o necesita e un dedícase a outras cousas. Penso que falta ese equilibrio: esta persoa xa é coñecida abondo; sácalle un chisco e arrisca un pouco.

Pepe Cunha | “A calidade da música galega é moi superior á presenza que ten nos medios”

Te puede interesar