Teatro, danza e monicreques na axenda do Pazo da Cultura naronés

Teatro, danza e monicreques na axenda do Pazo da Cultura naronés
Imaxe do espectáculo de danza “EntreSoños” que a compañía de Fran Sieira ofrecerá o sábado no Pazo da Cultura

Teatro, danza e monicreques debuxan a axenda cultural do Pazo da Cultura de Narón para esta fin de semana. A actividade dará comezo o venres, ás 20.30 horas, coa derradeira cita da cuarta edición do Festival Internacional do monólogo Teatral “Singular”, impulsado desde o Padroado da Cultura naronés e con gran protagonismo das mulleres.


Desta volta, será Iria Pinheiro (Premio María Casares 2019 á mellor actriz protagonista) a que subirá ás táboas do escenario para achegar ao público “Anatomía dunha serea”, do grupo Chévere. Trátase dunha peza de teatro documental construida sobre a memoria e a experiencia persoal da propia actriz como muller, como madre e como vítima da violencia obstétrica, a partir da súa experiencia no parto do seu primeiro fillo.


Pinheiro narra a súa historia dunha forma directa, aberta e autocrítica. As entradas para esta proposta teñen un prezo de 9,50 euros para o público en xeral e 6,65 para abonados, desempregados e carné de estudante ata 25 anos.

Sábado
Ao día seguinte será a quenda para a danza coa compañía de Fran Sieira e o seu espectáculo “EntreSoños”, unha obra de baile e música tradicional galega cun elenco artístico formado polo propio Sieira xunto a Aida Tarrío e Xisco Feijoó (estes dous últimos combinarán o seu labor de bailaríns coa de cantantes de música tradicional). A montaxe escenifica as encrucilladas nas que cada un de nós vémonos envoltos nalgún momento das nosas vidas; “esas ganas por perseguir os nosos soños e inquedanzas”. A cita terá lugar ás 20.00 horas e as entradas teñen un prezo de entre 9,50 e 6,65 euros.

Domingo
O público infantil e familiar será o domingo o destinatario da representación teatral dos Monicreques de Kukas, que poñerán en escena a peza “Alerquina” –18.00 horas–. Trátase dun espectáculo de gran formato que mestura o traballo de actor e a pantomima coa animación de marionetas e a maxia coa música en directo.


Aborda a viaxe dunha peculiar e curiosa marioneta chamada Arlequina na busca da súa identidade. As entradas teñen un prezo de 9,50 euros para o público en xeral e 6,65 con descontos.

Teatro, danza e monicreques na axenda do Pazo da Cultura naronés

Te puede interesar