A cidade rende unha homenaxe a Fontenla Leal na xornada previa ao Día de Galicia

|

A praza do Himno Galego acolleu onte a celebración dos actos institucionais do Día de Galicia na cidade, ao que asistiron representantes políticos de todas as formacións con presenza no Concello, así como de diferentes entidades da cidade e veciños.
A xornada rendiu homenaxe a Xosé Fontenla Leal, cuxa figura recorda un monumento instalado na mencionada praza, e o Real Coro Toxos e Froles puxo a banda sonora dando a benvida aos asistentes coa “Foliada de Corrubedo”.
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, foi o encargado de dar o discurso central da celebración e insistiu en que o Día de Galicia é o día de todos. “Non é máis que facer oficial o que é un sentir común, un proxecto, unha forma de vida compartida por todos nós; un sentimento de pobo”, asegurou.
Do mesmo xeito, o rexedor indicou que este día non se limita só ao 25 de xullo “por máis que esta idea resoe con especial forza no día de hoxe, senón que todos os días debemos defender a nosa identidade como país”.
Ademáis de mencionar a Rosalía e Castelao como exemplos de persoas que defenderon “o noso”, Suárez asegurou que o futuro constrúese coa cultura, actitude galega de cara ao mundo, “tamén nesta cidade que fixo da resistencia cívica o seu himno, da loita irmandiña a súa fortaleza unha cidade que temos a responsabilidade de coidar o inmenso reto de camiñar cara adiante devolvendo a ilusión á cidadanía, coa convicción de que Galicia e Ferrol teñen moito por decidir e facer por progresar”, indicou.
O alcalde ferrolán rematou o seu discurso facendo referencia a todos eses mozos que tiveron que fuxir do país, en xeral, e da cidade naval, en particular, en busca dun futuro a causa da crise, e incidiu en que “estamos nun tempo novo no que hai que asumir que ningunha xeración debe vivir peor que a anterior. Hoxe no día de Galicia, Ferrol no centro do noso sentimento de pobo libre, orgulloso e digno”, manifestou.
Tras estas palabras, cada un dos representantes dos grupos municipais –xunto á concelleira non adscrita, Esther Leira– foron colocando unha coroa de flores e diferentes caraveis brancos xunto ao monumento a Fontenla Leal, ao igual que todos os asistentes que desexaron facelo.
O Toxos e Froles tamén se achegou a homenaxear ao monolito e rematou o acto coa interpretación a capela do Himno de Galicia, acompañado dos presentes.

Medallas de Ouro
O alcalde acudiu tamén onte aos actos do Día da Patria no Colexio Fonseca de Santiago, onde hoxe se centrarán as conmemoracións. Foi tamén na capital galega onde onte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entregou as Medallas de Galicia de 2018 que, na súa categoría de Ouro, homenaxeu a tres presidentes do Tribunal Constitucional (TC), entre eles o cedeirés Álvaro Rodríguez Bereijo, sendo o único galego de nacemento que recibiu o galardón este ano.
Rodríguez Bereijo calificou de “honor” recibir esta medalla, en especial, nun momento no que a Constitución e a orde constitucional se ven “asediados por acontecementos que todos coñecen”. Así, fixo referencia a feitos “que todos teñen en mente”, nunha clara alusión a Cataluña. l

A cidade rende unha homenaxe a Fontenla Leal na xornada previa ao Día de Galicia