O grupo de teatro do campus de Ferrol pon en escena “Welcome!”, a súa nova produción

O grupo de teatro do campus de Ferrol pon en escena “Welcome!”, a súa nova produción
Campus ensayo grupo teatro

“Hai xente que se está a matar por non poder pagar a hipoteca da súa vivenda, e iso é inadmisible”. Como a moitos cidadáns, a Gonçalo Guerreiro –actor, director e produtor teatral e un dos responsables artísticos da compañía Elefante Elegante– preocúpalle o tema dos desafiuzamentos, a inxustiza social que supoñen.
Por iso optou por plantexalo como punto de partida para a creación do espectáculo deste ano do Grupo de Teatro Universitario de Ferrol que el mesmo imparte e dirixe desde hai catro cursos. Logo dun proceso de creación colectiva –“o traballo vaise creando entre os alumnos e o profesor”, di– a peza vivirá esta tarde a súa preestrea na Coruña. Será a partir das 20.30 horas na sala Normal do campus herculino, coincidindo do Día Mundial do Teatro. A estrea será na propia cidade ferrolá, o vindeiro 4 de abril, tamén ás 20.30 horas, no centro cultural do campus de Esteiro.

obra
“Welcome!”, como se denomina o espectáculo, ten unha importante compoñente plástica e de improvisación. Xira arredor da devandita problemática xerada no contexto da actual crise económica, aínda que neste caso con algunha que outra dose de humor. “Recreamos a nosa propia casa, á que convidamos a pasar ao espectador, polo que non existe separación entre o escenario e as butacas. Cada un poderá situarse onde máis cómodo estea”, avanza Guerreiro.
O grupo está integrado este curso por 16 persoas de idades que van desde os 21 anos do máis mozo ata os 65 do maior. “Hai alumnos do campus, da Universidade Senior, e incluso xente que vén da escola de teatro de Narón unha vez rematou alí a súa preparación”, explica. Todos son moi “xenerosos, positivos e gozan moito coa actividade”, salienta, o que sen dúbida satisfai e moito, ao director. “Estou moi contento co resultado da obra”, engade.

traxectoria
Catro anos despois de botar a andar, o proxecto teatral –enmarcado na oferta de obradoiros da Área de Cultura do campus– vai medrando curso tras curso. Por iso, reivindica Gonçalo Guerreiro, sería interesante poder levar a peza a outros escenarios máis alá dos da propia Universidade da Coruña e participar noutros festivais universitarios, o que ademais contribuiría a promocionar a propia UDC e sobre todo o campus de Ferrol. Pero para isto, recoñece, sería preciso dispor dalgunha axuda por parte da institución académica de cara a sufragar tanto os desprazamentos como o xantar.

O grupo de teatro do campus de Ferrol pon en escena “Welcome!”, a súa nova produción

Te puede interesar