A consolidación editorial (CVIII)

A consolidación editorial (CVIII)

Creo que, malia que nestas entregas xa o citei en máis dunha ocasión, cando se fala da aparición da editorial Lar -como dalgún proxecto anterior que non conseguira afianzarse suficientemente, como é o caso da ferrolá Céltiga- cómpre non perder de vista o que se dicía no artigo XXVIII do regulamento das Irmandades da Fala aprobado en 1918: “8º Traballar do mesmo xeito pra conquerir tamén unha editorial gallega”.
Xa que logo, non é de extrañar que cando apareceu “esta pubricación galega obra dos nosos irmans Leandro Carré e Anxel Casal” o autor do solto “Lar” nas páxinas do boletín A Nosa Terra, destacase o seu “labor interesantísimo que siñifica o cumprimento da misión para que foi creado”.
Como xa dixen na entrega anterior, n’A Nosa Terra de 1º de xullo de 1924 comezou a publicitarse a próxima posta en marcha da empresa editorial, indicando que se trataba da publicación dunha novela inédita de Wenceslao Fernández Flórez á que seguirían, con periodicidade quincenal, orixinais doutros autores, dos que daba uns cantos nomes: Cotarelo, Pita Romero, Francisco Camba, López Abente..., se ben algún non chegou a publicar. Xa quedou dito tamén que, a causa do retraso na entrega do orixinal por parte de Fernández Flórez, o primeiro número non vería a luz ata o 29 de novembro de 1924, data que figura na portada interior do libriño. Posiblemente tivesen máis dun orixinal para editar, mais decidiron agardar pola obra de Fernández Flórez, debido ao tirón que tiña como novelista en español. Era, ademais, á parte dalgúns artigos de prensa, a primeira incursión do escritor e xornalista en ámbitos da literatura galega. Se ben, con certeza practicamente absoluta, redactou a obra en español -e sería Carré o encargado de verquela ao galego- o feito é que A miña muller se trataba da publicación en galego dunha obra inédita dun afamado autor do momento. Ao ano seguinte editaríase, na colección madrileña La Novela de Hoy, Mi mujer. A publicación por parte de Lar, en setembro de 1927, d’O ilustre Cardona, por máis que fose tamén de Fernández Flórez, que seguía tendo moito éxito, carece de trascendencia, xa que se trataba dunha tradución -tamén de Leandro Carré- de El ilustre Cardona, aparecida, así mesmo en La Novela de Hoy, en 1923, catro anos antes.
O 20 de decembro, uns días despois dos quince previstos, sairía do prelo O Anarquista, do ortegano Leandro Pita Romero. Sobre esta noveliña e o seu autor hai unha pequena e curiosa historia. En 1934 -apareceu en El Pueblo Gallego no mes de setembro-, o profesor e escritor Álvaro de las Casas fíxolle unha entrevista a Ánxel Casal -daquela instalado, coa imprenta e editorial Nós, na compostelana Rúa do Vilar- na que, como non, falaron da vida de Lar. O poeta ourensán preguntoulle ao editor: “-Y los autores, ¿cobraron mucho?”, ao que este respondeu: “-Todos, generosamente, nos cedieron sus derechos. Sólo uno nos cobró cien pesetas por su original: fue Leandro Pita Romero”. O feito resulta sorprendente, pois, moi probablemente, Pita Romero fose, se non o que máis, un dos que gozase dunha mellor situación económica.
Pola súa condición de inaugural, A miña muller levaba esta introdución, titulada “Dúas verbas”, asinada por “A direición” -sen dúbida Leandro Carré-, que non era máis que unha declaración de intencións do que se pretendía fose a empresa editorial que comezaba a rodar:
“Co’a humorística e fermosa novela de Wenceslao Fernández Flórez, escrita espresamente para Lar pol-o admirado amigo, encomenzamos hoxe a pubricación d’esta revista, na que poñemos todo o noso cariño e toda a nosa vontade.
Queremos que no limiar da nosa obra figuren unhas verbas de agradecimiento para o insine ironista que, desinteresadamente, ofreceunos a sua colaboración, como o tamén celebrado Paco Camba -este non publicaría noveliña ningunha en galego-, demostrando así estes grandes escritores á par que o amor á Terra nai, o seu desexo de contribuir co prestixio das suas firmas e a valía das suas obras, ao enriquecemento da nosa Literatura rexional, que rexurde agora renovadora e vizosa coma froito en sazón.
E sexan tamén as nosas verbas primeiras un saúdo de irmandade para cantos colaboran con nós, para a prensa galega, para os letores. A todos rogámoslles acollan con agarimo esta pubricación que procuraremos mereza o seu favor”.
Diferentes e reiterados problemas -referínme a algúns en entregas pasadas- que tiveran os nacionalistas irmandiños con outras empresas xornalísticas para imprimir A Nosa Terra, fíxolles ter permanentemente na cabeza a idea de adquirir maquinaria para poder facer o traballo eles mesmos. A posta en marcha do proxecto editorial de Lar podía e debía supor un impulso para abordar dun xeito definitivo esa cuestión. Lar arrancara imprimindo as novelas na imprenta Moret. Dela saíron os cinco primeiros títulos, o último deles, o quinto, foi Os probes de Deus, de Amado Carballo, aparecido o 31 de xaneiro de 1925. O sexto, Martes d’Antroido, de Francisca Herrera Garrido sería o primeiro en aparecer dos eleborados pola propia editorial. Vería a luz o 9 de maio de 1925, quer dicir, tres meses despois, retraso motivado pola adquisición e posta en funcionamento da necesaria maquinaria. Na citada entrevista con de las Casas, Ánxel Casal referíase a este tema do seguinte xeito:
“Los primeros números los editamos en Moret y a partir del sexto -la novela «Martes de Antroido» de doña Francisca Herrera Garrido- editamos en imprenta propia: una minerva de mala muerte que nos hacía sufrir lo indecible”.
En 1927, cando levaban publicados 35 números, Casal e Carré decidiron separarse. Casal fundou a editorial Nos e Carré continuou con Lar e aínda publicou cinco noveliñas máis, se ben acabaría por desaparecer non moito despois.
Segundo confesaba Casal a de las Casas, “Publicamos hasta 35 números, con una edición de 3.000 ejemplares cada número. Era el primer gran ensayo en gallego y constituyó tal éxito que todos los números están agotados y hoy son muy rebuscados de los bibliófilos” e as novelas de maior éxito foran O lobo da xente, de Risco e Os probes de Deus, de Amado Carballo. Pola contra, dicía Casal, “A Otero Pedrayo le habíamos publicado «Escrito na néboa»; por cierto que esta novela pasó inadvertida y apenas se leyó”.
A obra de Otero aparecera, en abril de 1927, co número 32, un dos últimos nos que participara Casal. Se cadra, tivo algo que ver o momento da súa aparición, mais é posible que tamén o tema e o desenvolvemento da noveliña -como unha primeira redacción do que logo sería Arredor de si (1930)- tampouco tivesen excesivo interés

A consolidación editorial (CVIII)

Te puede interesar