O Festival de Ortigueira recibe un dos Premios da Cultura Galega

O Festival de Ortigueira recibe un dos Premios da Cultura Galega
Desfile de Bandas de Gaitas en Ortigueira

O Festival de Ortigueira acadou o Premio da Cultura Galega na categoría musical, un galardón que outorga a Xunta de Galicia logo da reunión dun xurado no que participan representantes das máis importantes institucións culturais do país. Xosé Neira Vilas foi recoñecido no apartado dedicado ás letras, a galería Trinta en artes plásticas, Cándido Pazó pola súa achega ás artes escénicas, a Asociación Galega de Produtoras Independentes no audiovisual, o profesor David Mackenzie na categoría dedicada á lingua, o Grupo Marcelo Macías no eido do patrimonio cultural e o Centro Pen Galicia en promoción exterior.
O xurado destaca do Festival de Ortigueira o feito de converterse “na festa de referencia do folk, unha esencia festiva que perdurou nestas tres décadas de vida nas que pasou por distintos momentos e que se foi abrindo cada vez máis ás músicas de raíz de todo o mundo”. Naceu en 1978 desde a Escola de Gaitas e en 2005 foi declarado de Interese Turístico Internacional.
En Ortigueira recibiuse a decisión con ledicia. O alcalde, Rafael Girón, subliñou a transcendencia deste galardón, “unha excelente noticia” que pon un “broche de ouro” a un ano no que se celebrou a trixésima edición do festival coa presenza de Milladoiro ou The Chieftains e na que se mobilizou a “50.000 persoas”. “É especialmente importante porque se recoñece toda unha traxectoria, un proxecto colectivo de Ortigueira e un compromiso permanente por apoiar ó fok galego e ós seus músicos”, engadiu o primeiro edil nun comunicado de prensa.
A concelleira de Cultura, Cruz Sabio, pola súa parte, falou de “recompensa ó traballo ben feito” e de “estímulo”.
O premio outorgarase nun acto que se celebrará a finais de ano. Consiste nesta ocasión nunha obra do pintor ourensán Antón Pulido.
Os Premios da Cultura Galega convócanse para apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos. Nesta ocasión o xurado formárono o conselleiro e o secretario xeral de Cultura, Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo; Maximino Zumalave, do Consello da Cultura Galega; Henrique Monteagudo, da Real Academia Galega; Manuel Quintana Martelo, da de Belas Artes; Gloria Pena, da Universidade de Vigo; a profesora e investigadora de literatura galega Blanca-Ana Roig Rechou; o presidente do Clúster Audiovisual Galego, Andrés Barbé; e a pianista e directora do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, Isabel Méndez.

O Festival de Ortigueira recibe un dos Premios da Cultura Galega

Te puede interesar