A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública –impulsada por sindicatos e organizacións estudiantís e á que xa se adheriron outros grupos sociais e políticos– convocou onte concentracións en toda a comunidade para amosar o seu rexeitamento á creación da nova universidade privada promovida por Abanca.
En Ferrol, a acción de protesta desenvolveuse no campus de Esteiro, ante o edificio do Vicerreitorado local.
Sindicatos, estudantes e membros da comunidade universitaria secundaron unha mobilización na que puxeron de manifesto o seu absoluto rexeitamento a esta “privatización” e “mercantilización” da educación.
Pediron, neste sentido, a paralización do proxecto lexislativo que “vai permitir a creación da Universidade Intercontinental da Empresa sen apenas coñecerse cales van ser as intencións dos seus promotores en canto a oferta formativa”, salientan.
Informan ademais desde a Plataforma que, segundo a normativa existente, debería ofertar cando menos oito títulos entre graos e posgraos, “e parece que queren concentrar esta oferta nos eidos xurídico-social e enxeñaría-arquitectura”.
Lamentan así que “mentres se lle nega a autorización de novas titulacións ás universidades galegas e se ten conxelada a taxa de reposición dos seus efectivos, semella que se lle vai dar carta branca tanto para a contratación do profesorado como para a oferta académica, sen garantías de que se van cumprir os requisitos de calidade e excelencia”.
Reitores
Os reitores das tres universidades galegas, Julio Abalde (UDC), Antonio López (USC) e Manuel Reigosa (Vigo) emitiron onte un comunicado conxunto no que agradecen ás organizacións sindicais e as de representación estudantil que conforman a Plataforma pola Defensa da Universidade Pública o “seu compromiso e apoio” e pediron ademais á cidadanía e ás institucións públicas que “poñan na súa axenda as solicitudes de financiamento, lexislativas e de autonomía para que as universidades públicas do Sistema Universitario Galego sexan cada día un pouco máis fortes e poidan seguir mellorando e ocupando posicións de liderado ne escena nacional e internacional, convencidos de que isto redundarán nun mellor futuro para Galicia e para as galegas e galegos”, salientan.
Engaden ademais que, fronte á iniciativa privada, “pensamos que os esforzos dos cidadáns, a través dos seus impostos, deber ir encamiñados a fortalecer o actual sistema universitario público”, indican no escrito.