Cedeira cítase por terceiro ano consecutivo coa música galego-portuguesa co festival “Traz tambén outro amigo” que terá lugar desde o sábado para se prolongar ata o 9 de xuño. Organizado polo Concello, incluirá un amplo e novedoso programa de actividades co fado como fío condutor. Todas as propostas previstas serán de libre acceso e os concertos gratuítos.
A primeira das citas, a deste sábado ás 20.00 horas no Auditorio municipal, desenvolverase baixo o título “Trazexpandido”. Trátase do proxecto poético musical “O colo das palabras”, que reunirá no escenario ao escritor ferrolán Antón Cortizas e ao ilustrador naronés Leandro Lamas, co acompañamento musical de Óscar e Silva Fojo e do colectivo musical Fatado do Colo (Leandro Lamas, Lorena Montero, Silvia, Paula e Óscar Fojo).
Antón Cortizas e Leandro Lamas presentarán o seu proxecto poético musical “O colo
das palabras”
Esta primeira sesión rematará coa actuación do dúo Falua (Sara de Sousa e Gom de Abadin) no Auditorio Municipal, a partir das nove da noite, e co sorteo dunha acuarela entre os asistentes que Leandro Lamas elaborará durante a actuación.
A segunda parte do programa comezará o día 3 no IES Punta Candieira, coa actividade “Conversamos sobre lingua con...”, na que o escritor Antón Cortizas falará do seu libro “Anatomía da Lingua”. Incluirá tamén un obradoiro que, baixo o título “A lingua é a nosa Vantagem”, correrá a cargo dos membros da Associaçom Galega da Língua. Participarán alumnos de ESO e de 1º de Bacharelato.
A actividade trasladarase o xoves día 6 á sala Áncora, escenario no que terá lugar a charla-concerto “Pessoa e o fado: fontes para un proxecto pop-rock”, a cargo de Gonçalo Guerreiro.
Herbeira
Ao día seguinte terá lugar no hotel Herbeira unha charla na que intervirán Ana Pinhal, cantante do grupo Fado Violado, e o músico Javier Carrasco. Será a partir das 19.00 horas.
A xornada do venres concluirá co festival “Cedeira canta fados”, que a partir das 22.00 horas reunirá no Auditorio ás formacións musicais Coral Eixil, Acordeóns de Cedeira, Cantareiras de Buxainas e Fado Norte. Todas elas abrirán paso, ás 23.00 horas, á actuación do grupo galego Clave en Fado.
O sábado, a xornada matinal estará centrada na intervención do investigador permanente na Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo, Burghard Baltrusch, que achegará ao público á situación da historia lusófona. Será ás 12.00 horas na Biblioteca do auditorio municipal. Ás 22.30 horas, actuará o dúo portugués “Fado violado”.
Domingo
O III Festival de Música Galego-Portuguesa concluirá o domingo na sede da Confraría de Pescadores coa constitución formal da Rede da GaliLusofonía.
Trátase dunha organización que agrupa a entidades portuguesas e galegas cos obxectivos de sumar esforzos, coordenarse e cooperar na difusión de iniciativas encamiñadas a situar a Galicia no seu espazo natural lingüístico-cultural, a lusofonía, cun grande potencial noutros campos como o económico e o institucional. Para poñer o broche final contarase coa actuación da agrupación “Canto d’aquí” (Braga) e da banda Vila de Cedeira. A cita está prevista para as 19.30 horas no auditorio cedeirés.