Ares lembra os 75 anos da fuxida do “Bou Ramón” nun acto previo ao libro de Barrera

Diario de Ferrol-2015-01-05-009-b5c752d0
|

“Se Hollywood coñecera esta historia, seguro que faría unha película”. Así fala o historiador Enrique Barrera sobre o sucedido hai 75 anos co “Bou Ramón”, un barco de pesca que o 21 de xullo de 1939 serviu para que un grupo de republicanos fuxira dunha morte segura. Fixérono disfrazados de falanxistas e gardas civís para confiscar o barco e escapar cara Francia.
Cando se lles acabara o carbón, e xa non quedaba madeira que queimar da propia estrutura do barco, un pesqueiro francés recolleunos e acabaron no campamento de refuxiados de Barcarés. Algúns regresaron para seguir loitando contra a ditadura, outros acabaron no campo de concentración de Mauthausen e tamén os houbo que se uniron á resistencia cando os nazis ocuparon Francia. Unha historia que aínda ten moito que contar e ese é o obxectivo do Concello de Ares e da asociación Memoria Histórica Democrática, que o próximo día 10 organizan no local das Alianzas Aresás unha completa xornada de homenaxe.

memoria
A cita do próximo sábado comeza ás 11.00 horas coa conferencia de Eliseo Fernández “A fuxida do Bou Ramón”, complementaria coa de Enrique Barerra, “As consecuencias da fuxida”. Xa pola tarde retomarase o programa cun taller de memoria no que tomarán parte descendentes dos protagonistas para coñecer o que foi deles. Completarase cunha xornada artística do coñecido actor Roberto Leal, fillo dun dos fuxidos, e polo músico ferrolán de blues Víctor Aneiros. A iniciativa culminará ás 20.30 horas coa inauguración dun monumento á xesta do Bou Ramón.
Para Enrique Barrera, “o caso do Bou Ramón non foi único, aí están embarcacións que marcharon de Ferrol, como o Carmiña ou o Teresita, ou outras, pero a fuxida deste navío desde Ares foi moi cinematográfica, cos tripulantes disfrazados con fusís de madeira para acadar o barco, e a peripecia terrible ata chegar a Francia. Os había de todas as ideoloxías e entre eles estaba o último alcalde republicano de Ferrol, Antonio Santamaría López”. En canto ao programa o historiador destaca que están “moi esperanzados co taller de memoria, queremos que sexa unha catarse porque estamos convencidos de que hai máis historias e poderán coñecerse ese día se a xente que viviu aquilo ou o recorda por conversas familiares quere falar. Ademais queremos homenaxear non só aos tripulantes senón ás persoas que os agocharon e axudaron durante tres anos a salvar a súa vida. Que os mantiveron en zulos con moito risco para eles mesmos”.
Da propia historia e do que xurda o próximo día 10 en Ares, Barrera adianta a publicación dun libro que verá a luz este mesmo ano.

Ares lembra os 75 anos da fuxida do “Bou Ramón” nun acto previo ao libro de Barrera