As ánimas e a Santa Compaña toman hoxe o barrio de Catabois no sétimo Quilómetro do Terror

O barrio agarda recibir moita xente nunha nova edición da cita | jorge meis
|

O barrio de Catabois vivirá esta tarde a xornada máis terrorífica do ano coa celebración dunha nova edición, a sétima, do “Quilómetro do Terror”. A actividade, está impulsada pola asociación de comerciantes, empresarios e hostaleiros ECHO coa colaboración do Concello de Ferrol, que achega uns 9.500 euros a través da área de Promoción Económica e Emprego.
O programa dará comezo a partir das 18.30 horas, momento a partir do cal arrancarán os obradoiros infantís, así como as propostas que contribuirán a ambientar a cita na rúa.
A partir das 20.30 horas chegará o momento máis álxido da celebración coa xa tradicional “Volta das ánimas”, que terá como punto de partida o cemiterio de Catabois para chegar ata a rotonda de Santa Mariña e que este ano, como novidade, cruzarase no camiño co Maldito Encontro, unha sorte de Santa Compaña, a carón do camiño do Tiro.
Como todos os anos, acompañarán o desfile carrozas de diferentes asociacións, grupos musicais de percusión, personaxes caracterizados e outras moitas sorpresas.


Haberá premios para os que participen no pasarrúas. O primeiro terá unha contía de 250 cataleuros –moeda creada polo propio evento e que terá que ser investida nos negocios do propio barrio–; o segundo 200 e o terceiro 150 euros. Un total de 45 establecementos participan na celebración. Da comitiva formarán parte, ademais das carrozas, dous ataúdes, o que leva ao alcalde das ánimas, e o dun personaxe sorpresa. Tamén haberá premios para os gañadores dos certames de caracterización, de ambientación e de cabazas, así como o dedicado á implicación dos veciños na decoración da zona.
A hostalería participará no evento cunha degustación gastronómica “terrorificamente deliciosa”, como ollos de diaño, bocadiños de vermes e vasoira de bruxa, costillas do diaño ou arroz con vísceras de morcego.
 

Tráfico
Con motivo do desfile de carrozas pola Estrada de Catabois a circulación pola zona estará pechada desde as 20.00 hora ata o remate do desfile, sobre as 23.00 horas, aproximadamente, entre a rotonda da FE 13 (Arquitecto Marcide) e a rotonda da Estrada de Santa Mariña. Tal e como se informou desde o Concello de Ferrol, o tráfico desviarase por estradas alternativas.
Todas as rúas que desembocan na estrada de Catabois estarán, así mesmo, pechadas ao tráfico.
Cara a garantir a seguridade do evento, informan desde a institución municipal, contarase cun dispositivo de policía local e emerxencias e a participación de Protección Civil.

As ánimas e a Santa Compaña toman hoxe o barrio de Catabois no sétimo Quilómetro do Terror