As Pontes volverá converterse un ano máis no epicentro da gastronomía dos produtos de outono coa celebración da XXIX Feira de Fungos e Cogomelos prevista para a última fin de semana deste mes, concretamente os días 27 e 28. Moitas serán as actividades a desenvolver durante estas dúas xornadas, nas que se agarda a visita de milleiros de persoas procedentes de diferentes lugare. Fomentar o interese polo mundo da micoloxía é un dos obxectivos dun programa no que terán cabida gastronomía, música e espectáculos de rúa, ademais do tradicional certame de cestas.
Un dos pratos fortes da primeira das xornadas, a do sábado, será o “showcooking” que ofrecerá o cociñeiro Pepe Solla, cunha estrella Michelín e tres soles Repsol, membro fundador do Grupo Nove.
Como non podía ser doutro xeito, os fungos e cogomelos serán os ingredientes principais das receitas que elaborará baixo a carpa gastronómica na que se desenvolverá a cita. No mesmo escenario, o campión galego e subcampión de España de Coctelería, Xaime Rodríguez Trigas, realizará unha pequena exhibición de preparación de bebidas.
A actividade dará comezo, porén, xa pola mañá, co espectáculo “Forzudos” da compañía Circo Chosco, polas rúas da vila. Ao mediodía será a quenda para a música cunha sesión vermú cos grupos Por Mi Swing e DixieKings. Tamén haberá unha exhibición e clases de baile dos anos vinte e trinta da man de Swing Jazz Lugo, Compostela Swing e Swing On Vigo.
Como colofón á xornada do sábado voltará a música, desta volta á Praza de América, cos concertos da compositora e pianista Ele, o grupo de rock nado nos anos 80’ Seguridad Social e a formación feminina The Dawlins, que fará gozar aos asistentes cun repertorio baseado na música country, blues, dixie e folk, entre outros xénero.
Domingo
A Feira continuará o domingo co xa tradicional concurso de setas e xantar popular, ao que hai que engadir o pasarrúas cun espectáculo final a cargo da compañía Pablo Méndez Performances e o espectáculo Saaabor, de Culturactiva, “unha proposta deseñada para todos os públicos na que se conxuga a música, a maxia e a participación do público, co mundo da gastronomía como pano de fondo”, apuntan desde o Concello.
Ao mediodía, na Praza América, haberá unha nova sesión vermú, nesta ocasión con Garufa Blue Devils Big Band, acompañada do que fora cantante de Os Satélites Site Sedes, que fará un percorrido pola música das décadas dos anos 20, 30 e 40.
“Somos criminais”
O programa micolóxico concluirá no Auditorio Municipal Cine Alovi co espectáculo Somos Criminais interpretado por Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, para o que xa están esgotadas as entradas desde hai unhas semanas.
Ademais, durante toda a fin de semana, haberá instalada unha carpa con produtos de outono e alimentación e unha zona de “foodtrucks” nas que se enxalzarán os produtos locais, da temporada e a gastronomía do outono.
Tamén haberá unha zona destinada a artesanía, con xente procedente de diferentes puntos da comunidade galega que amosarán as súas pezas.