Aínda que as festas de Nosa Señora do Mar de Cedeira comezaron o domingo, onte foi o momento oficial da apertura co significativo pregón a cargo do profesor Rafael López Loureiro. O recuperador da tradición do Samaín, e bo coñecedor da historia da súa vila, fixo un enfervorizado canto tanto á patrona como á propia celebración festiva.
“Sen dúbida algunha a máis guapa, bonita e fermosa de todas as virxes cantas hai no mundo enteiro. E a opinión deste pregoeiro debería ser tomada en valor, por non movelo o fanatismo relixioso idolátrico, senón tan só un longo adestramento da ollada, e a ialma, na búsqueda permanente da beleza artística, se en femenino máis e mellor. Vivan Rosalías”.
López Loureiro alabou a festa e o impacto e a alegría que a celebración ten nos seus paisanos: “que todos os cedeireses e cedeiresas, os que están na praza, os que están na vila e os que están lonxe do paradiso, sexa en Newcastle, Londres, París, Xapón, Nova Iork, na China ou na Cochinchina, sintan chegar á súa alma o tremor dun aire que baila, e, pechando os ollos, viaxen polos aires ao berce dos soños encima da estampa de popa da Voladora, a mariñeira lancha de Bastián, a que debuxan sempre os beizos ao sorrir de saudade lembrando a nosa patria: Cedeira, o Reino da Alegría!”. Tralo pregón, a agrupación Robaleira puxo a nota musical ao simbólico acto.
para todos os gustos
As actividades na noite cedeiresa continuaron no paseo da Mariña, cun concerto de rock alternativo a cargo de Sandfrod Music Factory (que presentou o seu terceiro disco “Natural Behavior”).
Xa de madrugada, na praza Roxa a verbena tivo como protagonista á orquestra Esencia. Pola súa banda, na praza do Floreal o rock foi o protagonista coa banda The Hellbuckers, un grupo de Rock & Soul liderado por Carla Figueredo acompañada de músicos de Los Eternos, que veñen de triunfar no último Felipop. Canda eles actuará Moon Cresta un potente grupo coa etiqueta de música Power&Funk, acompañados por Diana Tarin nas percusións e voces.
En canto a hoxe, a partir das 16.30 horas no Paseo da Mariña celebrarase a XI edición dos Xogos Populares (tiro de corda, carreira de sacos, carreira de ovos, cucaña mariña, regata de chalanas e collida do parrulo), con premios en metálico para os mellores.
Ás 19.00 horas no Campo Municipal do Beco disputarase un partido de fútbol entre o Cedeira e o Viveiro. Ás 22.00 horas o baile comeza na praza Roxa coa orquestra Alkar. O paseo da Mariña, acollerá o seu segundo concerto ás 23.30 horas.
Desta volta será o grupo In Logic (quinteto madrileño de Folk-Rock) os que actúen, e a partir da unha da madrugada a praza Roxa acolle ao grupo La Ricura e á Orquestra Alkar. Paralelamente na praza do Floreal poderase escoitar o soul de Broken Peach xunto co grupo de versións Ban’d’Bolo.