Merendas, xogos populares, deporte rural e moita música no Festival do Río Castro

Merendas, xogos populares, deporte rural e moita música no Festival do Río Castro
Festival do Río Castro en Narahío

A Asociación Veciñal O Castelo de Narahío leva vintecinco anos celebrando de forma ininterrumpida unha cita que ten entre os seus obxectivos “reivindicar a cultura e o respecto polo ambiente por medio dunha xornada de festa que en certo modo tenta recuperar o espírito das romerías campestres de antano”.
Con esta mesma filosofía celebrarase hoxe, durante todo o día preto da ponte da Ferraría, o XXV  Festival do Río Castro, no que haberá espazo para a música, os xogos populares, o deporte rural e grandes doses de música.
Programa
As merendas encherán o contorno do Castro cara as dúas da tarde, momento no que o grupo Sérralhe-Aí ofrecerá unha pequena sesión vermú con algunha que outra sorpresa incluída, tal e como avanzou a presidenta de O Castelo, Almudena Vega.
A primeira hora da tarde, sobre as 15.30 horas, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional encherá o campo da festa de brinquedos como o do aro, a rá, os zancos e moitos outros.
A continución, arredor das 17.30 horas, será a quenda para os Picompé, dúo formado por Pepablo Patiño e Xavi Picos, cunha actuación dirixida ao público infantil e familiar. Sobre as 18.30 horas chegará un dos momentos máis intensos da xornada co campionato de deportes rurais, con probas como a chave, o serrado con tronzador ou o tiro á corda.
Esta cita prolongarase ata practicamente o comezo do prato forte da xornada, os concertos musicais que darán comezo sobre as 22.00 horas.
Acordeóns
Encargaranse de abrir o cartel os nenos da Rapazada do Saíme, grupo formado por compoñentes da escola de música tradicional do Concello, acompañado para a ocasión polos acordeóns do alumnado de Roberto Grandal e as gaitas dirixidas polo intérprete e artesán Marcos García.
Lupe Blanco e Luís O Caruncho, figuras da regueifa e do ensino desta tradicional arte da improvisación entre o colectivo escolar galego, subirán a continuación ao escenario, no que darán paso á asociación folclórica Berce, que volve xuntarse con motivo do aniversario do Río Castro.
Pecharán a noite o grupo pontevedrés Os Carunchos e d’Os Tres Trebóns, capitaneados por Xurxo Souto.

Merendas, xogos populares, deporte rural e moita música no Festival do Río Castro

Te puede interesar