O curso escolar principia con críticas ás ratios e á supresión de docentes

O curso escolar principia con críticas ás ratios e á supresión de docentes
colegio manuel masdías

As equipas directivas dalgúns dos once centros públicos de Infantil e Primaria da cidade denunciaron onte as carencias coas que, de non subsanarse ao longo da xornada de hoxe, principiarán mañá o curso académico 2013/2014.
Unha delas, a que a priori afecta a máis colexios da urbe, ten que ver coa eliminación do profesor de apoio a minorías étnicas co que se viña dotanto os CEIP Manuel Masdías, San Xoán de Filgueira e Recimil nos últimos anos. O director do primeiro centro, Óscar González, criticou esta decisión e, por tal motivo, ten solicitada, canda os outros dous implicados, unha reunión co xefe territorial da Consellería de Educación, para tratar de solucionar este problema. “O 40% do noso alumnado”, uns 150 alumnos a día de onte, “é de etnia xitana”, lembrou, “polo que, dadas as súas propias circunstancias e á situación sociocultural desfavorecida que padece e que repercute no seu rendemento académico, a figura deste mestre é imprescindible”.
González explicou que até o ano pasado tiñan ese perfil, un PT –pedagoxía terapéutica–, pero é a secretaria do centro, polo que, ao parecer, a alternativa da Xunta pasou por ofrecer un especialista en Audición e Linguaxe e un mestre de apoio a media xornada, algo que o director considera “insuficiente”.
Pola súa banda, a directora do San Xoán de Filgueira, Marián López, expresou a súa preocupación por que “todos os finais e comezos de curso temos que negociar coa Consellería sobre os mesmos temas” e subliñou que o alumnado en risco de exclusión social aproxímase ao 40%.
Máis optimista sobre a resolución deste conflito mostrouse a responsable do Recimil, Viví Suárez, quen asegurou que a Consellería está a traballar neste asunto e confía en que se chegue a unha solución satisfactoria. Polo demais, a directora destacou que terán un PT compartido con outro centro.
A Consellería, pola súa banda, sinalou que “si se lles van dar profesores de apoio en función das súas necesidades” e confirmou que a reunión cos directores dos tres centros terá lugar despois das primeiras xornadas de curso para abordar o tema con máis tranquilidade.

alumnos por aula
Outro dos aspectos nos que incidiron algúns dos centros foi no incumprimento da ratio de alumnos por aula (25, exceptuando os repetidores) que establece a lexislación. Desde o CEIP Isaac Peral se criticou que este límite se sobrepasa en varias aulas e no de Esteiro ocorre o mesmo: catro aulas superan a ratio. Nas dúas de 2º de Primaria do Cruceiro de Canido tamén se rebasa, aínda que se trata de alumnos repetidores, polo que no existe vulneración da norma. No resto dos centros consultados o profesorado axústase ao que marca o catálogo de recursos.
Doutra banda, ao longo deste verán desenvolvéronse diversas obras de reparación, mellora e adecentamento financiadas nalgúns casos polo Concello de Ferrol e noutros, tamén pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. n

O curso escolar principia con críticas ás ratios e á supresión de docentes

Te puede interesar