Posicionamentos ideolóxicos (XII)

Posicionamentos ideolóxicos (XII)

Na fundación,  na Coruña o ano 1916, da sociedade denominada “Hirmandade dos amigos da fala” confluíron dúas grandes tendencias. Por un lado, o vello rexionalismo coruñés, de tradición republicana-progresista. Polo outro, un rexeneracionismo elitista, que tiña como modelo as Ligas de intelectuais reformistas. A eles vanse xuntar, como sector dun nacente movemento transversal, un grupo de xente moza, nada entre 1890 e 1900, educado no ambiente republicano da Coruña e que se está socializando coa idea contextual do fracaso da vella política da Restauración, do inmobilismo republicano e da necesidade de novas propostas.
O carácter nacionalista que en pouco tempo decanta o movemento será a primeira criba para os que só pretenden un folclorismo marxinal. O ano 1917, marcará a grande diferenza e será unha peneira entre os que pretenderán unha reforma integral do Estado, desde posicións nacionalistas e populistas e os que se asustan ante a “suba de nivel” que marca a irrupción das masas.
Este contexto previo é pertinente para explicármonos o avance e a realidade do novo período que comeza coa posta en marcha das Irmandades. Supón o enlace do liberalismo provincialista de principios do XIX coas reivindicacións sociais e políticas que darán fin ao sistema da Restauración, por medio dos valores e iniciativas sociais posteriores á caída da I República. Sen dúbida, esta secuencia só se daría sen quebras na Coruña, xa que no resto de Galicia o proceso non tería tal continuidade nin identidade.
Nesta altura, o rexionalismo, que semellaba recoller a voz da burguesía periférica, cargada de rexeneracionismo, contra a vella política, presentábase como a solución a todos os males. Ramón Villar Ponte, no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega en 1951, recordaba como en España, como en todas as partes, o esnaquizamento dos vellos e gastados imperialismos atopou o seu eco. Moita xente pensou que chegara a hora dun reaxuste na organización dentro dos moldes peculiares de cada Estado. Os abandeirados da idea en España foran os cataláns, que lanzaran o manifesto “Per la España grand”, que foi espallado por toda a Península. E lembra Ramón Villar Ponte que “Cando chegou á nosa terra, poucos foron os que souperon acollelo con aquel intrés, con aquela atención, con aquela curiosidade non espida de afecto, a que o manifesto se faguía acreedor”. Había que aproveitar o debate aberto polos cataláns aconsellando a reforma integral do Estado.
Neste contexto, a aparición das Irmandades da Fala supuña a aparición do conflito lingüístico asociado á reivindicación política. Por iso son e chámanse Irmandades da Fala. Por vez primeira o conflito non era un feito puntual que afectaba a tal ou cal intelectual, senón que se manifestaba como reivindicación por parte dun grupo social complexo.
A minoría que ten o poder vai dedicar todos os seus recursos a impedir calquera cambio da situación. Trata de  perpetuar as relacións económicas e de poder que a favorece do mesmo xeito que, salvando a oposición do conflito, mesmo negando sistematicamente a existencia de calquera conflito, for social, for lingüístico. Por iso, propón un “rexionalismo ortodoxo” ou un “rexionalismo sano y bien entendido” cando, xa superado o modelo de Liga rexionalista, aparece un crecente nacionalismo reformista de tendencia populista. Nunha sociedade cunha interrelación social e económica de características case coloniais como a galega, a especialización lingüística diglósica tende a reforzar unha imaxe de estabilidade (potenciada desde o poder) que, por un lado, permite manter unha ficción de necesidade de “intermediarios” cara ao Estado por parte dos grandes señores galegos e, por outra, un control sobre unha realidade social claramente conflitiva. Exemplo claro deste comportamento social semellan as descricións autobiográficas de diálogos con obreiros e campesiños contidas na obra narrativa de Emilia Pardo Bazán.
Dado que a actuación da maioría -galego falante- se caracterizaba pola tendencia a tentar resolver os problemas só por vía individual, a conflitividade no sistema viría dada pola aparición e crecemento dun grupo, que tentaría a reforma do sistema social cara a nivelación, e que tería como características a de tentar a modernización da sociedade e a negación da especialización lingüística, a favor do galego. Tamén existía a nivelación a favor do castelán, mais esta tería moitas dificultades para absorber o grupo galego falante, maioritario da poboación. 
Pensemos en que nos primeiros anos do século XX, hai cen anos, a poboación galega andaba polos 2 millóns e medio de habitantes, dos que só ao redor de 160 mil vivían en urbes máis ou menos grandes. Deles, non sería aventurado dicilo, aproximadamente a metade serían español falantes, fronte aos 2 millóns logos de habitantes do rural, que maioritrariamente falarían galego. A este grupo coruñés que tentaba a identificación entre o uso lingüístico e a reivindicación político-social para poder acabar coa tradicional manifestación diglósica pentencían, entre outros, Ánxel Casal, Arturo Taracido, Benito Ferreiro Pardo, Bernardino Varela do Campo, Alfredo Somoza, Carlos Monasterio Valeiro, Fernando Blanco Sallares...

Posicionamentos ideolóxicos (XII)

Te puede interesar