Un disco recompilatorio recollerá a música de 16 coros de Ferrolterra

Grabación Sons de Ferrolterra en el Ateneo
|

Voces de San Pablo e o coro Amistad iniciaron o xoves no Ateneo Ferrolán as gravacións do que será o disco “Sons de Ferrolterra”, un recompilatorio no que ata 16 agrupacións da cidade e da comarca deixarán constancia do seu bo facer. Trátase dunha iniciativa da produtora Microrec coa que dá a coñecer o seu servizo profesional ós grupos pero, ó mesmo tempo, permítelles recoller en cedé unha mostra do seu repertorio e divulgalo.
O Casino de Mugardos, a Casa da Cultura de Neda ou as instalacións da Armada serán tamén auditorios nos que se realizarán as gravacións durante estes días. Rematarán o 2 de xuño e a principios de xullo podería estar xa dispoñible o disco, que ten ademais unha clara intencionalidade de recoller a tradición musical de Ferrolterra. Cada grupo interpreta un tema pero desde Microrec pedíuselles que fose “o máis representativo posible da súa zona, que puidera ter tamén valor etnolóxico”, explica Hugh McGinley. Por iso, a tradición mariñeira e as influencias da Habana estarán moi presentes.
O disco “Sons de Ferrolterra” incluirá un tema das rondallas Lucero del Alba, Mugardesa, Estrelecer e Mulleres de Santa Uxía de Mandiá, así como da coral Areosa, Voces de San Palbo, Coro Amistad, Trovadores de Ares, Parranda La Nuestra, a coral O Pote, a banda de gaitas Trouleada, o proxecto vocal Concerto Tempo, Airiños de Fene, Airiños de Caranza, Alecrín de Brión e a Banda do Tercio Norte. n

Un disco recompilatorio recollerá a música de 16 coros de Ferrolterra