As entradas para o concerto de Luz Casal o 6 de outubro no Pazo saen mañá á venda

Luz Casal
|

Luz Casal pasará o vindeiro 6 de outubro polo escenario do Pazo da Cultura de Narón no marco da xira de presentación do seu novo traballo. A artista de Boimorto vén de publicar o seu novo traballo, co que entrou directamente no número 1 de iTunes e ao 2 na lista de venda na súa semana de lanzamento.
Dez novas cancións e unha pequena homenaxe é o que nos poderemos atopar no novo álbum, o primeiro da súa carreira gravado e mesturado integramente en España, tocado en directo no estudo e producido por Ricky Falkner.
O disco “entronca co que algúns consideran o meu pasado e que para min é o meu presente”, di a propia artista. Concidindo co seu lanzamento comezou unha xira con más de medio cento de datas confirmadas por todo o mundo, cun repertorio no que ademais das súas novas cancións sonarán tamén os seus grandes éxitos.
“Un espectáculo que vai satisfacer aos seus seguidores máis fieis e sorprenderá a todos aqueles que aman a boa música”, din desde a produtora.
Unha das grandes
“Luz non é só unha das grandes voces deste país, é unha das cantantes españolas máis recoñecidas no mundo enteiro. Pode encher o Blue Note de Tokio o mesmo que o Olympia de París”, engaden. En Francia, por exemplo, está considerada unha das grandes damas da canción despóis de 20 anos de recoñecementos. De feito, alí acaban de sacar un disco con versión de Dalida (Luz Casal chante Dalida) e de presentalo na sala Pleyel de París.
Quen non queira perder a oportunidade de gozar do talento musical de Luz Casal na cita naronesa poderán comprar as entradas na billeteira do Pazo da Cultura ou a través da web www.padroadodecultura.es. l

As entradas para o concerto de Luz Casal o 6 de outubro no Pazo saen mañá á venda