A música tradicional para os pequenos protagoniza o festival “Caranza canta ao Nadal”

Un momento do festival celebrado onte no Centro Cívico de Caranza | daniel alexandre
|

A música tradicional infantil foi onte a protagonista no Centro Cívico de Caranza coa celebración da primeira edición do Festival “Caranza canta ao Nadal” organizado pola Asociación Cultural e Artística Ti e Máis Eu Teatro e a agrupación “Quenindiole”, que tamén formou parte da relación de grupos participantes.
Xunto a esta formación, que hai uns meses conseguiu colarse na fase final do certame “Quero Cantar” da Deputación da Coruña, deron forma ao cartel do encontro outras catro agrupacións: Airiños dos Carrís de Cerdido, Cantareiras AF San Xiao do Trebo de Cariño, Grupo Cantareiras Caranceiras de Ferrol, A Rapazada do Saíme e a Escola de Baile e Pandeireta Mario Escudero.

Poñer en valor
Tal e como se informou desde Ti e Máis Eu Teatro, o festival pretende “poñer en valor a música tradicional da nosa terra da man das nosas canteiras, como as escolas infantís, que co seu traballo e esforzo fan medrar as nosas raíces musicais. E que mellor época que esta para que os nenos e nenas amosen o seu traballo”, salientan.
A entrada ao espectáculo foi completamente de balde, ata completar aforo. O Concello de Ferrol cedeu o espazo para a celebración do festival.

A música tradicional para os pequenos protagoniza o festival “Caranza canta ao Nadal”