Os gaiteiros encheron As Pontes de música tradicional no seu xantar

XXV Xuntanza de Gaiteiros en As Pontes
|

A Asociación de Gaiteiros Galegos comezou os actos cos que ó longo de todo 2014 celebrará o seu 25 aniversario co seu xantar anual, desta vez nas Pontes. É unha localidade “con moitos asociados e moita tradición de gaiteiros”, apuntaba Xoán Manuel Tubío, secretario da entidade. Foron eles os que quixeron traer ó municipio pontés esta reunión, na que participaron uns 150 músicos de toda Galicia. De feito, e aproveitando a súa presenza, homenaxearon ó gaiteiro Manuel Castro “Freixo”, que con 96 anos é un dos máis veteráns do país.
Comezaron o seu percorrido coñecendo o Mercado Vello e as súas exposicións, con charlas a cargo de Berros do Castro e da Asociación de Gaiteiros. Despois marcharon a coñecer o lago das Pontes e, á volta, encheron de música o centro da vila, tocando polos bares e amenizando a hora dos viños. O xantar, ó que se uniron xa tódolos participantes, foi no patio do colexio Santa María, a base de cocido e lambetadas propias destas datas, incluíndo produtos locais como requeixo da Faeira e mel de Goente. Despois foi a homenaxe a Freixo, a quen se lle entregou unha figura como obsequio, e comezou a foliada, que se prolongou durante toda a tarde.

orixes ortegáns
A asociación de gaiteiros comezou a xestarse nos anos 70 en Ortigueira, con reunións de gaiteiros vellos, novos, artesáns e xente implicada na música tradicional. Estas xuntanzas seguiron en Melide e no 89 foi a asemblea constituínte. Os seus obxectivos son os de “dignificar e divulgar a nosa música tradicional”, apunta Tubío, querendo abarcar “unha visión global do que é a música tradicional galega e do papel que lle corresponde neste século XXI”. Así, se o avance foi importante na consideración social do gaiteiro, “figura moi ridiculizada durante a ditadura”, lembra o secretario da AGA, hai moito traballo que facer ante os retos que presenta unha globalización que o é tamén no eido cultural. “Esta sociedade é moito máis complexa”, di Tubío. Tamén está pendente dar unha maior visibilidade á música tradicional, presente no día a día de milleiros de persoas. Estudos como o da Fundación Son de Seu de 2006 indican que hai 24.000 alumnos de música tradicional, 600 profesores e 900 lugares nos que se ensina. n

Os gaiteiros encheron As Pontes de música tradicional no seu xantar