“A miña bisavoa Julia Espín foi a musa de Bécquer, pero lle deu calabazas”

“A miña bisavoa Julia Espín foi a  musa de Bécquer, pero lle deu calabazas”
Diario de Ferrol-2015-01-22-012-0d6d3802

Regresa o escritor e artesán Luís Maquieira a unha terra que coñece, na que viviu varios anos e na que foi presidente da Asociación de Artesáns do Eume. Ás 20.00 horas estará na Biblioteca Municipal de Pontedeume para presentar o seu novo libro de relatos “Contos sen importancia” acompañado polo xornalista de Diario de Ferrol Nicolás Vidal.     

Que son “Contos sen importancia”?
Un mangado de relatos nos que verquín moitas anécdotas e sucesos vitais, tanto vividos na infancia como acontecidos nos últimos tempos. Historias que recrean o mundo rural e sucesos que van do humorístico ao paixonal ou espiritual, de contos de defuntos e fantasmas ou de feitos que amosan que o destino vai escrito no noso carácter.

Vostede conviviu na súa infancia con Ánxel Fole na casa familiar da montaña lucense. Pegouselle o seu estilo?
O estilo de Fole era moi oral, tanto na temática como no galego que recollía o xeito de falar da montaña, así que supoño que algo haberá, porque sempre trato de meter algo de humor e de sorpresa. O que si recordo era que algunhas das historias dos libros de Fole contábanllas os paisanos nas feiras ou na casa dos meus avós, e logo el as escribía, algunhas veces con moi pouca variación. Neste libro inclúo algún relato común que el tamén incluíu nos seus libros. Era un ser entrañable. Meus avós convidárono a pasar uns meses despois da guerra civil e botou no Incio uns once anos...

Cando era artesán en Pontedeume facía moitos cabaliños de madeira, de gran tamaño, que eran unha alegría para os pequenos.
E que eu fun moi feliz cos cabaliños cando era un pícaro. Sempre recordo o que dixo Fernando Fernán Gómez, que as mellores viaxes que fixera na súa vida foran ao lombo dun cabaliño de xoguete.

Pola súa vida desfilaron creadores de certa relevancia. Que recorda deles?
Si, ademais de Fole coñecín ben a Luis Pimentel, cando marchei a Venezuela coincidín con Celso Emilio Ferreiro e tamén me interesou moito a plástica. O meu anterior libro de versos estaba ilustrado polo acuarelista Javier Lillo, e este leva debuxos de aves de Manuel Ruibal. En calquera caso, aínda que non a coñecín, teño a honra de que a miña avoa Julia Espín, foi a musa de Becquer. O meu tataravó foi director da Real Escuela de Música en Madrid e tiña un salón que visitaban artistas, políticos e xente da vida cultural, entre eles os Bécquer. Gustavo Adolfo namorou da miña visaboa, que lle deu calabazas, aínda que a ela adicou as “Rimas y leyendas”. O mestre e xornalista ourensán Víctor Campio destaca isto nunha carta que incluín en “Contos sen importancia”. Campio di que nese amor fracasado Julia Espín perdeu a un gran poeta, Gustavo Adolfo Bécquer, pero gañou outro, o seu bisneto Luis Maquieira. Podo sentirme máis feliz coa comparación?

“A miña bisavoa Julia Espín foi a musa de Bécquer, pero lle deu calabazas”

Te puede interesar