Ortigueira enxalza a calidade de dous dos seus produtos máis importantes, o mel e as mazás

Ortigueira enxalza a calidade de dous dos seus produtos máis importantes, o mel e as mazás
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-edf84db5

Son dous dos produtos máis importantes do municipio e por iso un ano máis terán o seu merecido protagonismo nas dúas citas que terán lugar durante esta fin de semana.
A trixésima edición da Feira do Mel e a cuarta da Feira da Mazá encherán de actividades a axenda de lecer da vila de Ortigueira nas xornadas do sábado e do domingo. O primeiro dos días, o programa dará comezo ás 10.30 horas cun percorrido polas maciñeiras das que saen as froitas que se empregan para facer sidra.
O Centro Social de Ortigueira será tanto o punto de partida da ruta como o lugar de celebración da cata organizada pola Indicación Xeográfica Protexida “Mel de Galicia” e que estará dirixida por Beatriz Ríos, do Consello Regulador da IXP.
Apicultura
Xa pola tarde, ás 18.30 horas, será a quenda para a conmemoración do trixésimo aniversario da Feira do Mel. Así, no Teatro da Beneficiencia terá lugar unha conferencia do presidente da Asociación Galega de Apicultura, Xosé Torres Romar.
Falará dun tema moi actual, como son as perspectivas de futuro da apicultura galega e a loita pola supervivencia das abellas.
Tamén haberá unha exposición retrospectiva da evolución da feira cunha homenaxe aos seus fundadores.
Domingo
A actividade continuará o domingo, ás dez da mañá, coa inauguración e apertura da feira propiamente dita, na que se poñerán á venda mel, froitos, artesanía, produtos da comarca do Ortegal e maquinaria agrícola.
Na mesma carpa na que están instalados os postos, celebrarase, á unha da tarde, a entrega de diplomas aos alumnos e alumnas do CEIP José María Lage e CEIP da Barqueira cuxos debuxos foron elixidos para a realización do cartel.
Ás 14.00 horas a actividade trasladarase ao mercado, lugar no que se desenvolverá un “showcooking” do colectivo “Ortigueira entre fogones”, que prepararán diante dos asistentes petiscos elaborados con mel e mazá e con outros produtos da zona.
Cata de cervexa
Pola tarde, a partir das 16.00 horas, terá lugar na carpa da feira un obradoiro de mel para unha hora máis tarde poder participar nunha cata de cervexa artesá con mel e hidromel organizada pola empresa Cerveza Castreña. Á mesma hora, no mercado, haberá un obradoiro dedicado aos máis pequenos da casa.
Non faltará na cita a música, que chegará da man da charanga “New Belters”.

Ortigueira enxalza a calidade de dous dos seus produtos máis importantes, o mel e as mazás

Te puede interesar