A zona do paseo marítimo de Xuvia, en Neda, será escenario mañá venres dunha nova edición, a vixésimo primeira, do Festival da Canción Mariñeira. Xunto á rondalla local e organizadora do evento, Lucero del Alba, tomarán parte na cita outras tres agrupacións: a Coral Polifónica Lembranzas de Santa Cruz (Oleiros), Añoranzas e Club de Campo.
As catro irán pasando polo escenario a partir das 20.00 horas para protagonizar unha evento que, como en anos anteriores, ten entre os seus obxectivos contribuír á conservación e expansión da música e as cancións que atopan no mar e nos seus profesionais a súa fonte de inspiración. A madrina de Lucero del Alba, Ana Armada, será a encargada de presentar o acto. Tralas actuacións musicais, terá lugar unha degustación de mexillóns (tres euros a ración).
Rondalla
A rondalla nedesa desenvolve a edición deste ano baixo a presidencia de Ángeles Díaz Castro, que en outubro do pasado ano asumiu o cargo de maior responsabilidade en Lucero del Alba, convertíndose así na primeira muller en presidir unha rondalla na comarca de Ferrolterra.
Unha experiencia que, nas súas propias palabras, estalle a resultar moi positiva, recibindo en todo momento unha excelente acollida por parte dos compañeiros das outras formacións da zona. Na actualidade, un total de 49 personas integran unha rondalla dirixida por Juan Carlos Martínez e na que 17 son mulleres. Ademais de cambiar un pouco a vestimenta e darlle un aire feminino á agrupación, a presidenta de Lucero del Alba asegura que quere seguir o camiño marcado ata o de agora, propoñéndose ademais a posibilidade de saír a actuar a Navarra ou Cantabria.
Pero antes, mañá mesmo, toca gozar na casa da música que está na orixe mariñeira da vila de Neda nun festival que xa supera as dúas décadas de vida e ao que se anima a asistir a toda a veciñanza e visitantes da comarca. l