Organizacións sindicais e estudiantís únense en contra da reforma universitaria

Manifestación estudiantes
|

Máis de 200 persoas secundaron onte na cidade naval a protesta  convocada polas organización sindicais CIG Ensino, CCOO, UGT e CSI-F e as estudiantís Comités, Liga Estudiantil Galega, Agir, Sindicato de Estudantes e Acción Universitaria en todas as cidades galegas para expresar o rexeitamento ao decreto aprobado polo Partido Popular coñecido como “3+2” e que contempla a redución a tres anos dos actuais graos universitarios –de catro– e o incremento de un a dous cursos dos másteres ofertados na actualidade.
A manifestación, que partiu desde o edificio da Xunta na Praza de España para rematar en Armas, enmarcouse na xornada de folga convocada nas tres universidades galegas. Na da Coruña, o seguimento por parte do profesorado e do PAS (Persoal de Administración e Servizos) situouse no 81%.
O obxectivo da convocatoria foi denunciar, unha vez máis, as políticas educativas do PP, focalizando neste caso a atención nun decreto que “supón un novo ataque ao ensino público, favorecendo claramente á privada, e expulsando do ensino superior ao alumnado que non ten recursos”, comentaba onte a secretaria comarcal da CIG Ensino, Antonia Martínez.
Na mesma liña coincidíu Tomás Miranda, da Federación de Ensino de CCOO Ferrol, quen cualificou a reforma de desproporcionada. Gerardo Doce, de FETE-UGT, incidíu na necesidade de loitar por unha educación pública e gratuíta para todos.

alumnos
Xunto a eles, representantes dalgunhas das organizacións estudiantís convocantes aseguraban que se trata dunha reforma “que vai en contra dos dereitos dos estudantes universitarios, porque vanse encarecer moito os prezos dos estudos ao ter que facer dous anos de másteres, que son máis caros”, comentaba unha representante de Agir. Tamén desde o Sindicato de Estudantes referíronse ao decreto impulsado polo ministro de Educación José Ignacio Wert como “un intento claro de eliminar o acceso das familias máis desfavorecidas a unha educación de calidade”.
O colectivo estudiantil celebrou, ao igual que o sindical, a suma de forzas para loitar por un dereito tan esencial como é unha educación de calidade.
Na lectura do manifesto, que tivo lugar ao remate da manifestación na Praza de Armas, denunciáronse, entre outras cuestións, tanto o momento como o xeito de aprobar un decreto “que conta coa oposición da comunidade universitaria, da Conferencia de Reitores (CRUE) e de todos os partidos e forzas sindicais” e sen ter nin sequera previamente analizada e avaliada a implantación do proceso de Bolonia, da que aínda están a saír os primeiros titulados.
Criticaron tamén a colaboración activa da Xunta de Galicia “nesta cruzada contra o papel da universidade”.

Organizacións sindicais e estudiantís únense en contra da reforma universitaria