Recreación da malla tradicional en Ortigueira e na III edición de Etnoeume

Recreación da malla tradicional en Ortigueira e na III edición de Etnoeume
Diario de Ferrol-2014-08-25-010-08c61fa6_1

A Capela retrocedeu onte case medio século coa celebración da terceira edición da feira “Etnoeume”. Unha cita que se consolida e gaña seguidores cada ano e que trata de recuperar a vida labrega e ofrecer produtos tradicionais do mesmo xeito que se facían hai anos. Os centos de personas que se achegaron durante a xornada de onte ao redor da Casa do Pazo, que acolle o Museo Etnográfico da vila, puido visitar os case cen postos de artesanía tradicional (zoqueiros, cesteiros, torneiros, tallistas, etc.) que se dispuxeron para a ocasión.
Durante a feira non faltou a animación musical, a cargo das agrupacións Ariños da Capela, Akelarre, O cego da zanfona e A requinta da laxeira. Os que así o preferiron tamén puideron xantar na mesma feira, nos postos de gastronomía que preparaban no momento suculentos pratos de polbo ou churrasco.
A recreación dunha malla así como as exposicións son outro dos reclamos desta festa, que contou con mostras de instrumentos musicais, calceta, bordado e demostracións en vivo de actividades tradicionais. No marco da feira tamén se organizaron varias visitas guiadas ao Museo Etnográfico da Capela, ao redor do cal xira toda esta celebración. O coordinador desta iniciativa, o profesor retirado Secundino García –o mesmo que puxo o xermolo do referido museo– cualificou onte de éxito esta nova edición, que contou, segundo dixo “con máis xente que o ano pasado”.
No decurso da feira entregaronse unha vez máis os premios de investigación Ferro Caaveiro. O primeiro galardón foi para o traballo “Retornando a ...1971”, asinado por Xesús Martínez, Daniel Gabeiras e Miguel Díaz. Un estudio sobre a xurisdición de Caaveiro de Adrián Meizoso e Miguel Ángel Corveira e outro sobre o castelo de Moeche e as súas perspectivas de futuro, de Ana María García, gañaron o segundo e terceiro premio.

Ortigueira
O público tamén secundou esta proposta etnográfica en Ortigueira onde, por terceiro ano consecutivo, as máquinas de mallar convertíronse nas protagonistas da alameda local. Centos de veciños e visitantes tomaron parte nesta actividade que organiza a Concellería de Medio Rural e que persegue retomar vellas costumes que para moitos non están tan esquecidas pois nos oitenta aínda se mallaba por algunhas aldeas da contorna. Os que máis agradeceron esta proposta foron os máis novos, que puideron coñecer de primeira man como se facía esta labor agrícola destinada a extraer o cereal limpo do trigo.
O alcalde da vila, Rafael Girón, destacou a importancia dun evento destas características xa que permite aos máis novos “coñecer como era o traballo no campo a mediados do século pasado”.
Veciños das parroquias do Ermo e Couzadoiro encargaronse nesta ocasión de escenificar unha malla do trigo. Para tal ocasión utilizaron máquinas restauradas que se empregaban para tal menester nos anos sesenta. Así mesmo, o bo tempo rexistrado onte xunto coas altas temperaturas alcanzadas na vila durante a mañá obligaron á organización a facer varios descansos.
A malla, ao marxe de ser unha labor agrícola obrigada a mediados do século pasado, constituía tamén un evento social nas aldeas da época. Había que mallar o cereal, tanto o trigo como o centeo, para rentabilizar ao máximo este produto, pero aínda que era un traballo duro, os veciños acollían con agrado este momento, que na maioría dos casos, se vivía case como unha festa máis do verán. Era habitual que coa chegada da máquina de mallar os lugareños colaborasen uns cos outros nos traballos. A pesar do esforzo o que non faltaba era tempo para compartir xantar, viño e unhas risas. Aquel espírito de colaboración veciñal reviviuse onte tanto en Ortigueira como na Capela.
En canto á vila ortegana, unha feira de artesanía e unha comida popular completaron a oferta.

Recreación da malla tradicional en Ortigueira e na III edición de Etnoeume

Te puede interesar