Logo da celebración de varias charlas nos dous últimos días –a de onte sobre “ascomicetos” e impartida por José Castro Marcote–, a XXX Semana Micolóxica de Ferrol, organizada pola Asociación Viriato coa colaboración do Concello de Ferrol, inaugurará esta mañá, ás 10.00 horas, a macroexposición de cogomelos que reunirá arredor dun cento de especies diferentes.
A mostra, instalada baixo unha carpa no Cantón de Molíns, permanecerá hoxe e mañá aberta a todas as persoas interesadas –de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas–.
Tamén pasarán por alí escolares de centros educativos de Ferrol e comarca que non queren perder a ocasión de comprobar a gran variedade de especies, desde as máis habituais ata as máis perigosas para a alimentación. Poderán ademais participar nos obradoiros deseñados para eles.
Tamén hoxe pola mañá terá lugar a presentación do cartel gañador do certame convocado pola organización entre os escolares e que serve para ilustrar cada nova edición do programa.
De xeito similar á xornada de hoxe transcurrirá a de mañá venres. Para o sábado está prevista unha saída ao monte para proceder á clasificación de cogumelos. As inscricións para esta actividade, cuxa saída está fixada para as nove da mañá, poderanse formalizar na carpa no Cantón.