O O 22 de xuño de 1943 ás 05.40 iniciouse o incendio na polvoreira grande, onde actualmente está a piscina do Club de Oficiais do Montón de Caranza. Era tamén a única que tiña un ángulo morto no seu tellado de simples tellas, por onde unha persoa podía escapar doadamente, porque non podía ser visto por ningunha das sentinelas. Encadeáronse varias explosións ata chegar á máis potente, detonada ás 06.00 horas. A polvoreira grande almacenaba 250 toneladas de pólvora. Ademais, estouparon un total de nove polvoreiras máis pequenas, descoñecendo a cantidade de explosivos que contiñan.
Non houbo posibilidade de atallar o lume, xa que a bomba eléctrica que alimentaba o servizo anti-incendio, fora previamente inutilizada, pero ao ser unha sabotaxe controlada houbo tempo abondo para evacuar e non houbo mortos.
As medidas de seguridade da polvoreira eran moi deficientes en todos os sentidos e de noite descendían notablemente. Do recinto, con 600 metros de perímetro, ocupábanse seis sentinelas, dos cales tres permanecían nas garitas. Era frecuente que se durmisen na garda.
Podemos reconstruír os pasos dados polo sabotador. Puido ser un axente cualificado introducido no reciento ou o pañoleiro da polvoreira, José Luís Díaz Rodríguez. Particularmente, inclínome decidídamente por esta segunda opción.
O día 21, atracou á polvoreira o mercante Skandia con cemento para as obras. Na primeira opción, o sabotador -camuflado como obreiro- participaría na descarga dos sacos e agocharíase ata a noite nalgunha dependencia do subsolo.
A polvoreira número 10, estaba baleira e era usada para cambiarse de roupa. Na brigada de obreiros figuraban membros da clandestina oposición democrática, como Juan Fernández Rodríguez e Ángel Sánchez Villa. Para ocultarse no interior das polvoreiras, contaría coa cooperación de José Luis Díaz Rodríguez, o soldado encargado de vixiar os pañois e o interior dos búnkeres. Era ademais o encargado de controlar a identidade dos que entraban e saían das instalacións. Tiña 23 anos e era natural de Sarria.
A segunda opción, moito máis lóxica, é precisamente, que fose o propio pañoleiro o executor da sabotaxe.
Este soldado non figura no expediente de investigación pero a súa morte consta no libro de defuncións do Xulgado e tivo lugar precisamente o día en que empezaron os interrogatorios. A acta de defunción fala dun accidente coa súa arma mentres a estaba a limpar. Quitouse a vida pensando que fora descuberto ou morreu nun tiroteo mentres intentaba escapar?
O suicidio non debe considerarse covardía, senón unha mostra de respecto para os demais integrantes da organización, aos que se protexía, xa que un interrogatorio longo e con uso constante da tortura podía rematar con delatar os compañeiros sen por iso salvar a vida propia, porque o seu destino -unha vez descuberto- era o pelotón de fusilamento.
Cuartel de Dolores
Non obstante, a súa morte tampouco tería que ter sido un suicidio, xa que Antonio Ares Abelleira, díxome que “ao militar que fixo estalar a polvoreira, o mataron nun tiroteo cando intentaba escapar polos tellados dunha casa na que estaba refuxiado”.
Tamén consultei os arquivos do Tercio Norte de Infantería de Marina, no Cuartel de Dolores e comprobei que a súa ficha leva unha raia a lapis vermello no seu ángulo esquerdo, a clave utilizada no exército para indicar que se trata dun individuo politicamente sospeitoso. Na devandita ficha, non aparece o número do libro onde debese estar o seu expediente.
Ao seu pai non lle deixaron ver o cadáver nin lle entregaron informe da súa autopsia nin lle permitiron trasladar o corpo para que fose enterrado na súa localidade. Tampouco lle aboaron a pensión que correspondía aos parentes dos soldados mortos por accidente ou por acto de servizo.
Durante un tempo considerei a posibilidade de que un axente británico do SOE (Special Operations Executive) tivese intervido, pero dou por certo que instruíron a José Luis Díaz, xa que o goberno británico non quería asumir o risco da detención dun axente británico nun intento de voadura dunha instalación militar.
Neste sentido, aínda que as actas británicas desclasificadas non aluden concretamente ao caso ferrolano, desvelan a estratexia xeral, na que a diferenza das actuacións directas para sementar a disensión e destrución mediante a sabotaxe nos países ocupados, os axentes de España tiñan prohibido calquera participación directa nas devanditas actividades. A principal preocupación diplomática, era o mantemento da neutralidade española na guerra, facendo caso omiso de calquera outra cuestión estratéxica.
A versión oficial
A explicación oficial dada polo xeneral Manuel Vela Bermúdez, instrutor da investigación, afirma que a pólvora era inestable e que “entre el mucho y variado material explosivo almacenado, no todo estaba bien aislado, estando próximos a los proyectiles y pólvora, detonantes, algunos de los cuales, por estar defectuoso, hizo ignición y provocó el inicio en cadena de las explosiones por simpatía”.
Este expediente (321/1943) é moi peculiar, coma se Manuel Vela Bermúdez quixese deixar pistas sobre o que verdadeiramente aconteceu. Temos neste sentido tres informacións moi importantes dentro do expediente:
a) Hai un informe do condestable das polvoreiras (Antonio Vázquez Díaz) e outro do laboratorio de Santa Bárbara en Lugones (Asturias) que certifican que a calidade da pólvora era de “servicio a bordo” (quere dicir en perfecto estado).
b) Os documentos sobre as existencias nas diversas polvoreiras non acreditan que os materiais estivesen indebidamente colocados.
c) No listado de persoal militar destinado na polvoreira, non figura José Luis Díaz Rodríguez, pero non se elimina da declaración dunha testemuña a frase:
“era muy difícil que alguien hubiera entrado en los polvorines, porque siempre esta en ellos el pañolero, un muchacho llamado José Luís”.
Esta frase foi precisamente a que me induciu a buscar no Rexistro Civil esta defunción.