A obra “Meu Ben” une no Pazo da Cultura de Narón a tres xeracións de actrices galegas

A obra “Meu Ben” une no Pazo da Cultura de Narón  a tres xeracións  de actrices galegas
Diario de Ferrol-2014-01-24-019-bfe95302

Se nos últimos anos a compañía Producións Excéntricas triunfou na escena galega coas súas adaptación de obras do irlandés Martin McDonagh, agora Eme2 apúntase á adaptación doutra autora irlandesa que está a ter grande éxito nos escenarios de medio mundo, Elaine Murphy. A súa primeira e exitosa peza, “Meu Ben”, vén de seres adaptada pola compañía galega por vez primeira no Estado.
Trátase dunha obra que lle valeu á dramaturga irlandesa numerosos galardóns e que Eme2 estrea esta tarde no Pazo da Cultura de Narón. A obra poderá verse ás 20.30 horas hoxe e mañá novamente ás 20.00 horas, despois do cal iniciará unha xira por toda Galicia e incluso por España, trala súa próxima adaptación ao castelán, baixo o seu título orixinal: “Little Gem”.

comedia do cotiá
A montaxe está protagonizada por tres xeracións de actrices galegas, a pontesa Mercedes Castro, a ferrolá Elina Luaces e a vilanovesa Rocío González, baixo a dirección de Álvaro Lavín. Segundo Castro, tamén produtora do traballo, “é unha comedia que toca temas fondos cos que o público, sobre todo o feminino pero non só el, pode sentirse moi próximo. Vemos a tres xeracións dunha familia co seu devir durante un ano”.
Pola súa parte, o director da montaxe salienta a enorme calidade dun texto teatral “marabilloso, contemporáneo e cercano, directo”, unha comedia “que nos leva do riso ao pranto sen darnos un momento para o descanso”. Lavín destaca, tamén, que se trata dunha historia de mulleres normais, que “parece que forman parte da nosa familia, contada por elas mesmas con naturalidade e sen artificios, como quen fala cunha amiga”.
Danlle vida ao texto de “Meu ben” tres actrices galegas “magníficas, versátiles e sutís”, en palabras do seu director. Tres xeracións de mulleres con perspectivas distintas sobre a vida, pero cunha cousa en común: o sentido do humor como ferramenta para afrontar as situacións máis complicadas.

personaxes
En “Meu Ben” Elina Luaces é Kay, a avoa, que tenta sentirse viva nos seus frustrantes sesenta anos mentres coida do seu marido enfermo. Mercedes Castro fai o papel de Lorraine, a nai, a quen a “médica da cabeza” lle receita apuntarse a clases de salsa despois dun incidente no seu traballo. Finalmente, Rocío González é Amber, a filla e neta, para quen a vida é unha festa infinita... ata que sofre un problema.
Segundo os seus responsables, “Meu ben” é a historia dun ano no que pasarán cousas extraordinarias que cambiarán as súas vidas. As tres destacan a forza e a riqueza dramática dos seus personaxes, que afrontan as situacións complicadas ante as que as pon a vida con humor e esperanza e que, pase o que pase, “tiran para adiante”.
Completan a proposta artística de Eme 2 a música de Anxo Graña, a iluminación de Alfonso Castro e as creacións audiovisuais de Roi Fernández, que lle ofrecen ao espectador “o que lles pasa a estas mulleres pola cabeza”, en palabras de Lavín.
A peza orixinal estreouse en 2008 pola compañía Guna Nua e converteuse nun éxito no Reino Unido, Australia e Estados Unidos. En 2009 foi galardoada co premio Carol Tambor do Festival de Edimburgo, sendo a primeira produción irlandesa en lograr este recoñecemento.

A obra “Meu Ben” une no Pazo da Cultura de Narón a tres xeracións de actrices galegas

Te puede interesar