A música galega enche as aulas da “filial”

|

A música galega ten este curso un especial protagonismo no IES Canido. A proposta do profesor de galego de Xosé Noia de achegar a lingua aos rapaces a través dunha ferramenta tan atractiva como a música axiña acadou o respaldo non só do profesorado senón tamén dos propios rapaces de ESO.
Arredor dun cento implicáronse no “Proxecto Gz. Música na filial”, unha iniciativa que lles está a permitir, entre outras moitas cousas, descubrir e achegarse a moitos dos grupos que fan música en galego en estilos que van desde o tradicional ao rock e pop, pasando polo ska, reggae, punk, rap, hip-hop ou tecno. Todo iso sen esquecer, ademais, outra cuestión fundamental nos tempos que corren: o manexo das novas tecnoloxías e das redes sociais.
Da combinación entre os dous obxectivos agroman os traballos creados polos estudantes, montaxes audiovisuais dedicadas aos grupos escollidos, así como entrevistas e conversas mantidas con algúns dos artistas a través da rede, como foi o caso, entre outros, de Xabier Díaz, Ataque Escampe, Zënzar ou Heredeiros da Crus.
Outros visitaron o centro para compartir o seu traballo e experiencias cos propios rapaces. Así o fixeron recentementente o recoñecido músico ferrolán Víctor Aneiros, para ilustrar sobre a lingua e o blues, ou Xurxo Souto, un dos máximos expoñentes da historia do rock galego.

cristian silva
Hoxe visitará o instituto o músico galego Cristian Silva, que o pasado decembro presentou o seu primeiro disco en solitario, “EGO”. Na súa traxectoria figuran varios premios en concursos de música tradicional, como o Gaiteiro de Soutelo 2011. Exerce tamén como profesor en centros como o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol.
“O proxecto está a ter unha resposta moi boa. Participan moitos alumnos e incluso algún centro amosou o seu interese polo noso proxecto”, comentou Noia, coordinador da iniciativa. O profesor salientou ademais a implicación da ANPA e do propio barrio de Canido nunha iniciativa que rematará o vindeiro día 22 cun festival no propio instituto, que ademais de contar con actuacións de alumnos, permitirá gozar de música do grupo local Los Zentholos.

A música galega enche as aulas da “filial”